parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para garantir o acceso á sanidade pública ás persoas emigrantes retornadas

Daniel Castro
Daniel Castro considera unha “vergoña” que os retornados que non puideron cotizar sexan tratados como “cidadáns de segunda” na sanidade pública

A iniciativa do BNG, o Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposta para permitir o acceso gratuíto á sanidade pública a aqueles galegos e galegas retornadas que non tivesen cotizado nin en Galiza nin en España. O BNG acadou tamén o apoio da Cámara galega para que a Xunta realice os trámites necesarios para que a CRTVG emita a través das súas canles dixitais con cobertura internacional programación infantil y xuvenil en galego.

“Debemos acabar tamén coa vergoña existente que consiste en que aqueles e aquelas emigrantes galegas que nunca puideron cotizar no noso país, nin no Estado español, teñan que pagar unha cota mensual se deciden volver e facer uso da nosa sanidade pública”, denunciou Daniel Castro durante a defensa da iniciativa do BNG, que tivo lugar a última hora do martes . Porque, ao seu xuízo, “non é normal que despois de que o teu país de orixe che obrigue a coller as maletas por falta de traballo digno, por falta de oportunidades, cando decides retornar te trate como unha cidadá de segunda que non ten dereito a sanidade pública, cando estamos falando de algo tan básico como a saúde das persoas”. “Non queremos que haxa galegos de primeira e de segunda”, insistiu.

O deputado nacionalista amosou a súa satisfacción polo apoio dos grupos parlamentarios a unha demanda que considerou necesaria e un dereito das persoas obrigadas a marchar fora de Galiza en busca de mellores condicións de vida.