BNG acada un acordo unánime para elaborar un estudo “específico” sobre a violencia de xénero no rural galego para a súa visibilización e prevención

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira salientou as dificultades das mulleres e os seus fillos e fillas no medio rural para atopar un soporte ante situacións de violencia machista e pediu medidas urxentes para dar resposta a esta demanda

O BNG,  acadou un acordo unánime na Comisión de Agricultura para instar ao goberno a elaborar un estudo sobre a violencia de xénero no rural galego, atendendo a súa especificidade, e con fin de visibilizar e previr a violencia machista, a través dunha proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista, Carme Aira.

A deputada explicou que urxe elaborar un estudo sobre a realidade da violencia de xénero no rural galego para abordala de “maneira eficiente” porque na actualidade, dixo, son moitas as dificultades das mulleres e os seus fillos e fillas para atopar un soporte válido ante situacións de violencia machista.

A nacionalista insistiu  na necesidade de prestar especial atención ás peculiaridades da violencia de xénero sobre as mulleres así como un estudo que reflicta de “maneira real” os datos, situacións de maior presión social e familiar sobre as vítimas, illamento e dependencia económica, así como a implantación de “medidas urxentes”, na dirección da ofrecer a resposta que as vítimas de violencia machista están a demandar.

A nacionalista considerou que toda esta información debe servir para esa resposta con medidas de proximidades e asistencia efectiva ás mulleres vítimas, entre elas, “puntos de centros de referencia nos concellos  mancomunados”.

Na súa intervención, Aira explicou  que o “noso rural” vive unha situación precarizada para desenvolver unha “vida normalizada” e nesa liña, denuncio  a falta de  políticas para  fortalecer  os sectores produtivos que afectan a mulleres e homes e condiciona a “a fenda salarial nas pensións”, circunstancia que, ao seu xuízo, precarizan a totalidade da vida das mulleres e fainas “máis dependentes das súas parellas”.

As administracións, afirmou,  tampouco son capaces de entender en que consisten as desigualdades e pérdense en legalismos como pasou estes anos pasados negándolle as axudas  para a nova incorporación a unha xove embarazada, tal e como se recolle no informe deste ano da Defensora do Pobo, ou a precariedade do emprego relacionado cos coidados, “SAF rurais”, que resulta, a todas luces, unha   “violencia laboral para as mulleres”.

Partimos pois, recalcou a deputada,  “dunha situación xeral precaria  social, emocional e económica nun territorio con despoboación e dispersión, cunha poboación envellecida, un servizo de  transporte público insuficiente e unha sanidade que non sempre ofrece a atención de calidade esixible. Os centros de Información á Muller tampouco cobren todas as demandas en na provincia de Lugo, por exemplo,  existen 11 centros, e dicir, un territorio con 10 mil Km cadrados conta cun centro cada 1.000 km2.

Ademais criticou que no texto da   Lei 11/2007, de 27 de Xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero a “palabra rural” apareza só 3 veces ao igual que  “prevención e discapacidade”.         

Carme Aira celebrou o acordo para elaborar un estudo específico sobre a violencia de xénero no medio rural porque, dixo, “non podemos agocharnos noutros estudos alleos a nosa realidade”.

Texto integro do acordo unánime acadado hoxe polo BNG na Comisión de Agricultura:

O Parlamento Galego insta ao Goberno da Xunta a:

1. Prestar especial atención ás peculiaridades da violencia de xénero sobre as mulleres no rural galego. Para isto diferenciará os casos en estatísticas propias.

2. Dar recoñecemento á situación de illamento e probablemente de dependencia económica da muller para a implementación de medidas precisas.

3. Facer un estudo en profundidade da realidade rural con respecto á violencia de xénero, no marco do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, a creación dun grupo específico de traballo no que se elabore un estudo con perspectiva de interseccionalidade sobre a violencia de xénero nas mulleres do rural galego.

4. Incorporar en todos os estudos que se realicen sobre violencia machista o grao de urbanización, entendido como conxunto de indicadores que permite discernir as diferenzas e similitudes entre as distintas zonas de Galicia e caracterizar o que habitualmente se denomina urbano ou rural.

5.Trala análise e avaliación dos datos obtidos deseñaranse  unha estratexia contra a violencia de xénero con medidas concretas no ámbito da sensibilización, prevención, atención e intervención no medio rural.

6. Realizaranse campañas específicas de prevención e denuncia

7. Reavaliaranse de xeito constante a efectividade  das medidas implementadas.

8. Realizarase un informe pormenorizado e específico dos fondos derivados ao rural do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no ámbito do Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

10. O goberno da Xunta manterá unha actitude proactiva a prol da eliminación da violencia de xénero, no rural tamén.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG