BNG acada un acordo unánime para controlar a praga da rata toupa na montaña de Lugo e impulsar novos pastos nas zonas afectadas pola especie en diferentes concellos

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira alerta dos efectos do aumento  da especie nos concellos de Navia, As Nogais, Pedrafita, Triacastela, Samos, Folgoso do Caurel e recentemente Fonsagrada, Incio e Sarria e pide o seu control, “non o exterminio da especie”

A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Carme Aira demandou un “plan de choque urxente” para controlar a praga da rata toupa na montaña de Lugo que acadou o apoio unánime da comisión de Agricultura.

O acordo  establece:  intensificar as medidas técnicas precisas para o control da praga da rata-toupa na montaña lucense. Seguir os trámites precisos para a declaración de esta especie como praga, co fin de ampliar as ferramentas destinadas ao seu control que “non ao seu exterminio” e incluír no Plan de Pastizais de Galiza e con carácter prioritario,  impulsar  novos pastos nos Montes veciñais en Man Común nas zonas afectadas e se inicien  actuacións de mellora e mantemento nos xa existentes, como medida de compensación pola perda de forraxes e de control desta especie.

A nacionalista explicou que esta  especie autóctona vivía dos pastos das zonas altas de montaña  en galerías subterráneas alimentándose maiormente de raíces e  controladas  polos balados por zonas de monte entre  parcelas que dificultaban a escavación de galerías e pola  presenza das vacas.

As pasteiras no Monte Veciñal en Man Común e o cambio climático contribuiron  a que estes pastizais actuaran como reservorio de reprodución da especie e a súa extensión sen control.

Na  década dos anos  2000 produciuse unha  gran explosión da rata toupa que  se solventou co envelenamento masivo de "ratribón" un potente anticoagulante que “reduciu drasticamente o número de exemplares, pero que tivo como efecto secundario a alta mortaldade entre a fauna salvaxe que se alimentou de ratas moribundas ou os seus cadáveres e   convertendo esta solución nunha cadea de morte que se debeu repetir noutras zonas e que levou á prohibición  deste produto para o seu uso en  Europa”.

Agora, engadiu a deputada nacionalista, levamos 3 ou 4 anos cun incremento sostido destes animais afectando a concellos como Navia, As Nogais, Pedrafita, Triacastela,

Samos, Folgoso do Caurel e  recentemente estendido a Fonsagrada e ameazando  ó Incio e Sarria. Estimase que existen  “1.000 exemplares por hectárea”,  que se reproducen  5 veces por ano a razón de 6 crías por camada.

Tras o   trampeo para a súa captura mecánica para o que repartiron 4.000 trebellos entre máis de 100 agricultores computáronse 30.000 capturas no ano 2021.

Sabemos que os técnicos de Sanidade Vexetal do Servizo de Explotacións Agrarias da consellería están en contacto con profesionais franceses que levan moitos anos estudando este fenómeno e probando diversas solucións tanto químicas e biolóxicas como mecánicas, pero que  non deron ningún resultado definitivo.   

Ante o grave problema provocado pola falta de control e reprodución da especie, Carme Aira propuxo chegar a un acordo para establecer e intensificar as medidas técnicas de control da praga da rata toupa na montaña lucense e unha compensación polas perdas  nas granxas tradicionais e explotacións familiares. Neste sentido, indicou que as perdas “son moi numerosas” e afectan “ao 60% da produción”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG