O BNG acada un acordo para incluír unha materia na formación de profesorado contra a violencia machista
Noa Presas pediu a colaboración das universidades para incluír a materia no ámbito do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensino de Idiomas
O BNG acadou hoxe un acordo polo que o Parlamento instará á Xunta de Galiza “desde o respecto á autonomía universitaria, propor ás universidades galegas a modificación dos actuais plans de estudos do Máster Universitario en Profesorado para a incorporación unha materia específica sobre a atención e a prevención de violencia de xénero de cara a reforzar os contidos que que deben impartirse na actualidade de xeito transversal e seguir propiciando a adquisición de competencias das e dos futuros docentes para afrontar a transmisión de valores que fomenten a igualdade e a convivencia nas aulas; así como a resolución de conflitos”.
A parlamentaria incidiu en que os contidos en igualdade de xénero e prevención machista non están incluídos de “maneira transversal”, porque depende da vontade do profesorado do Máster, igual que acontece nos institutos nos que tamén é unha cuestión de “voluntariedade”.
Presas explicou que nos programas docentes das Universidades galegas das materias do Módulo Xenérico común a todas as especialidades, comprobamos que a palabra “violencia ou machista non aparecen por ningures”. A única mención relacionada é a de Igualdade, repetida como unha competencia clave de forma mecánica e mimética en varios puntos: “igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres” da mesma forma que se repite “Deseñar e desenvolver metodoloxías didácticas tanto grupais como personalizadas ”.
Resulta imprescindible, dixo, centrar os esforzos en que o profesorado teña as ferramentas precisas para educar en igualdade e tamén para saber actuar e a que elementos acudir en caso de detectar unha situación de violencia.
A nacionalista recalcou que non existe, unha planificación de contidos específicos, unha materia que neste Máster podería contar dous créditos, e nun aspecto tan importante para a formación docente como é “detectar, previr e actuar diante da violencia machista”.
O texto defendido pola deputada do BNG, Noa Presas foi transaccionado e acadou a unanimidade da Cámara galega.