Parlamento Galego

O Bloque pide un pleno extraordinario para abordar a emerxencia derivada da segunda onda da COVID19

Olalla Rodil
Olalla Rodil
“Temos que ir máis aló dos anuncios e optar por unha visión de conxunto na que as forzas políticas fagamos propostas ante a crise”, alega a viceportavoz, Olalla Rodil

Ante a gravidade da situación creada pola segunda onda da COVID19, o BNG considera necesario e urxente a celebración dun pleno extraordinario e monográfico para abordar a estratexia de control da pandemia nos tres aspectos da crise, -sanitaria, económica e social-, que se debería celebrar a vindeira semana e, nese sentido, rexistrou unha iniciativa na Cámara en base á prerrogativa que lle outorga a súa representación parlamentaria recollida no artigo 53 do regulamento.

A viceportavoz, Olalla Rodil, explica que é preciso establecer unha estratexia global que supere a sucesión de medidas que se anuncian mesmo sen explicar que as motiva.

“Temos que ir máis alá dunha cascada de medidas que se anuncia dun día para outro moitas veces sen saber a que criterios ou a que razóns responden, temos que ter unha visión de conxunto e que toda as forzas políticas podamos contar coa posibilidade de facer achegas e propostas para encarar da mellor maneira posible esta segunda onda da COVID en Galiza”, alegou Rodil.

“É evidente que está a empeorar a situación e previsiblemente continuará empeorando nas próximas semanas e por iso,  sen alarmismos pero coa máxima responsabilidade, desde o BNG cremos que é importante que o Parlamento aborde a situación nos tres aspectos nos que golpea a pandemia: sanitaria, económica e social”.

De feito, unha das preocupacións do Bloque é como vai afrontar o sistema sanitario a atención ordinaria da poboación, en particular nun momento en que patoloxías como a gripe poden sobrecargar unha atención primaria que xa está desbordada.

“O Goberno ten que explicar as medidas que está a adoptar para conter o virus, para evitar que o sistema sanitario poida colapsar nesta segunda onda, sobre todo agora que chega a gripe, e abordar as medidas que vai adoptar a Xunta para garantir o dereito á saúde da poboación máis alá da COVID, porque continúa a haber persoas con cancro, con doenzas crónicas, que non poden ver reducida a atención sanitaria que necesitan”, explica Rodil.

Igualmente, a formación que lidera Ana Pontón insiste en demandar do presidente da Xunta anticipación no control da pandemia nas residencias da terceira idade, blindado todos os centros a través dunha intervención pública mentres dure a crise sanitaria.

“Non podemos asumir como normal que un colectivo de 20.000 persoas maiores usuarias de residencias soporte o 45% dos falecementos polo virus”, alegou a viceportavoz parlamentaria, despois de que onte o centro de Pereiro de Aguiar rexistrase o falecemento de seis persoas, sumando 19 vítimas en dez días, “non pode ser que o Goberno de Feixóo actúe cando xa se produce un contaxio masivo e mesmo vítimas mortais, hai que actuar con anticipación para salvar vidas”, recalcou.

O Bloque tamén considera urxente abordar as repercusión económicas desta segunda onda sen descartar axudas directas aos sectores máis afectados, con miles de persoas que perderon o traballo, que están en ERTE, miles de autónomas e autónomos que non saben se sosterán os seus negocios e moitas pequenas e medianas empresas que ven perigar a súa supervivencia.

“Esta Cámara ten que debater as medidas que é imprescindible aplicar con carácter de urxencia para salvar sectores económicos, como por exemplo a hostaleira ou o comercio de proximidade que están a sufrir as medidas de restrición, medidas necesarias para conter o virus, pero que non poden levar á ruína a miles de persoas que en Galiza traballan no sector servizos”, alegou. Estas son cuestións que debe abordar o pleno extraordinario, monográfico e urxente que solicita o BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG