parlamento galego

Aprobada unha iniciativa do BNG para que as persoas xordas teñan interprete na sanidade pública as 24 horas ao día

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas asegurou que esta era unha demanda relevante para o colectivo ao que sumou as dificultades de comunicación polo uso de mascara que impide a lectura labial

BNG, a través da súa deputada, Mercedes Queixas acadou un “acordo unánime” no Parlamento galego para asegurar a comunicación das persoas xordas no acceso á sanidade pública galega. Ademais, a proposta nacionalista compromete ao  Parlamento  a demandar da Consellería de Sanidade a “creación dunha bolsa de intérpretes a disposición do colectivo de persoas xordas as 24 horas do día”.

Queixas agradeceu o apoio de todos os grupos á  proposta do BNG  e salientou a importancia do acordo acadado na comisión de Sanidade que servirá, dixo, para paliar as consecuencias das medidas “molestas e limitadoras” para calquera cidadán e  moi superiores para o  colectivo de persoas xordas.

A deputada explicou que a obrigatoriedade do uso da máscaras provocou un impacto maior nas persoas xordas porque anula a “capacidade comunicativa que ofrece a lectura labial e a linguaxe xestual facial” como apoio a lingua de signos.

Por outra parte, a atención telefónica para as consultas médicas do SERGAS e outra das  medida que fai inviable unha atención sanitaria con garantías. Asemade, o servizo de intérpretes da FAXPG é o único instrumento para a intercomunicación sanitaria  pero os medios limitados imposibilitan  ofrecer un servizo durante as 24 horas do día.

BNG  pide máis  medidas contra as barreiras

Mercedes Queixas lamentou que o propio Parlamento galego  non conte cun servizo de intérpretes para facilitar o traballo dos deputados e deputadas á hora de manter un encontro con persoas xordas e lamentou o voto en contra do Partido popular na Comisión de cultura para subministrar un “tipo de máscaras habilitadas para a actividade docente” porque  igual que  repartiron de balde as mascaras da Xunta co logo do Xacobeo,  podían subministrar as que reclamaba o colectivo, recalcou a nacionalista.

A deputada mostrou a súa confianza nun “acordo que debe ser cumprido sen dilación” para superar algunhas das barreiras imperantes. “Agardo que pronto se cumpra este acordo porque vai dirixido a un ámbito no que estamos moi vulnerables e as persoas xordas moito máis”. Mercedes Queixas agradeceu o labor dos facultativos pero insistiu que debe ser a “consellería de sanidade e o goberno os que poñan os medios para apoiar aos facultativos co fin de facilitar o seu  labor e relación  coas persoas xordas”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG