Parlamento Galego

Apróbase a iniciativa parlamentar do BNG para abrir unha nova vía para recuperar as esculturas do Mestre Mateo en mans da familia Franco

Luís Bará
Luís Bará
O deputado Luís Bará sinala que a sentenza sobre o Pazo de Meirás demostra que é fundamental a colaboración das administracións, persoal investigador e asociacións da memoria para acabar co espolio franquista

O grupo parlamentar do BNG defendeu unha Proposición Non de Lei no Pleno para instar a Xunta a proseguir o camiño aberto na recente sentenza sobre o pazo de Meirás, froito do traballo coordinado da iniciativa social e das institucións, co obxecto de investigar e documentar o espolio das estatuas de Xeremías/Abraham e Ezequiel/Isaac declaradas BIC e estudar as vías para a súa recuperación por parte do Concello de Santiago. Ademais, insta a Xunta a crear un grupo de traballo co Concello de Santiago, aberto á participación da Deputación da Coruña e do Goberno do Estado, así como de especialistas nos ámbitos xurídico e histórico e asociacións de defensa do patrimonio, que valore as liñas de acción de cara á recuperación das esculturas, tendo en conta os antecedentes xudiciais deste caso e a recente sentenza de Meirás.

Deste xeito, o deputado Luís Bará expresou a vontade de chegar a unha posición unánime mediante esta proposta de acordo que recolle o espírito da proposta do BNG e das emendas dos outros grupos.

“O feito de estarmos a falar hoxe da recuperación de bens de grande simbolismo e valor roubados pola familia Franco como o Pazo de Meirás, esculturas do mestre Mateo, Casa Cornide, Pías de Moraime e Pazo de Dodro, entre outros, é unha grave anomalía democrática e pon de relevo as complicidades e connivencias cos Franco de todas as institucións do Estado durante 45 anos”, destacou na súa intervención, ademais de poñer exemplos das “portas xiratorias da Transición”.

A loita pola recuperación das esculturas do Mestre Mateo roubadas pola familia Franco, pezas que formaron parte da fachada románica da Catedral de Santiago a comezos do século XIII, son parte dun monumento “de grande valor e de grande simbolismo e constitúen unha historia tamén de mobilización, de organización social en defensa do patrimonio e da dignidade colectiva”.

“Vivimos nun paradoxo, no mundo ao revés, en vez de procesar os autores do roubo, que sería o propio; hai que pelexar en xulgados pouco neutrais para recuperar o roubado”, engadiu.

Ademais de expresar o “recoñecemento e gratitude” á asociación O Sorriso de Daniel que en 2012 pediu a devolución das esculturas e promoveu a declaración BIC aprobada en 2019, lembrou a importancia do labor investigador “clave para descubrir o entramado de coaccións, falsidades e enganos que hai detrás do espolio, do roubo das esculturas de Xeremías e Ezequiel”. Se no caso de Meirás foi imprescindíbel o inxente traballo de investigación de Carlos Babío e de Manuel Pérez Lourido, no caso das esculturas do Mestre Mateo, destacou “a investigación, exhaustiva e case policial, en arquivos de todo o Estado de Francisco Prado-Vilar”.

Segundo recolle o texto da iniciativa do BNG, a Xunta de Galiza non pode permanecer sen facer nada diante da posibilidade de recuperar as estatuas do Mestre Mateo para o patrimonio público. Para alén de posuír as competencias de protección do Patrimonio e estarmos a falar dun BIC, a recente sentenza sobre o Pazo de Meirás demostra que é fundamental a colaboración de todas as administracións e a implicación decidida desde o primeiro momento para acompañar o clamor popular para a devolución das estatuas do Pórtico da Gloria compradas polo Concello de Santiago.

Após a sentenza xudicial que desestimou a demanda polas esculturas do Concello de Santiago que manteñen os herdeiros do ditador Francisco Franco, que mesmo pon en dúbida que sexan as mesmas da autoría do obradoiro Mestre Mateo de propiedade do Concello de Santiago, xurdiu nova documentación froito das investigacións do profesor Francisco Prado-Vilar e diversos colectivos manifestáronse contrarios esta argumentación.

Neste sentido, o grupo parlamentar do BNG emprazou a Xunta a colaborar co Concello de Santiago, co persoal investigador e coas asociacións de memoria histórica para documentar o espolio das estatuas do Mestre Mateo declaradas BIC, co obxectivo de abrir unha vía xudicial coa nova documentación conseguida que acredita a propiedade municipal e as artimañas da familia Franco para usurpar estas esculturas, de cara a súa recuperación para o patrimonio público.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG