Parlamento Galego

Aprobada a proposta do BNG para que os mariñeiros de augas internacionais poidan solicitar a xubilización anticipada

Montse Prado na comisión de pesca
  • Montse Prado parabenízase por un acordo para poñer fin a unha interpretación normativa que  discrimina a miles de tripulantes galegos

O BNG solicitou na Comisión de Pesca do Parlamento que se corrixa a normativa actual para permitir que todos os mariñeiros galegos que faenan en augas internacionais podan beneficiarse da xubilación anticipada aplicando os coeficiente de redución recollidos no RD 1311/2007, pero que a día de hoxe quedaban excluídos pola interpretación que a Dirección de Mariña Mercante facía de tal normativa en base a unha orde interna.

As propostas do BNG aprobadas pola Cámara recollen o apoio expreso do Parlamento ás tripulacións embarcadas en buques que faenan en augas internacionais, esixen a retirada da orde interna da Dirección da Mariña Mercante que deixaba fora da xubilización anticipada a miles de mariñeiros galegos e solicita revisar de oficio todas as pensións que se resolveron co actual procedemento, para beneficiarse  con efecto retroactivo dos anos de xubilación anticipada.

Igualmente, a Comisión de Pesca deu luz verde a petición nacionalista de facer unha revisión profunda do “caduco modelo” baseado na zona e no tamaño da embarcación “para ir a un novo que incentive as condicións reais das actividades profesionais da pesca, recoñecendo aquelas que teñen maior penosidade, perigosidade, sexan insalubres e provoquen sinistralidade”, explicou a portavoz de Pesca.

Prado confía en que con estas medidas se poña fin “a unha anomalía” que discriminaba á flota palangreira, cefalopodeira e arrastreira galegas cuxas embarcacións non superasen os 70 metros de eslora ou as mil toneladas, unha discriminación “que só se explica desde o descoñecemento da realidade do sector pesqueiro galego”, salientou, e espera que as medidas do BNG aprobadas polo Parlamento corrixan esta situación.