Aprobada a iniciativa do BNG para crear a Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia

Intervención de Néstor Rego defendendo a iniciativa do BNG para reabrir a comisión de investigación do accidente do Alvia en Angrois

Néstor Rego: “Verdade, xustiza e reparación, debémosllo ás vítimas e familiares. Debémosllo ao conxunto da sociedade”

A formación nacionalista comprométese a traballar na Comisión de Investigación para esclarecer o sucedido, depurar as responsabilidades políticas e impulsar unha verdadeira Comisión Técnica Independente

Aprobada a iniciativa do BNG para crear a Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia

O Congreso vén de aprobar a creación da Comisión de Investigación sobre o accidente ferroviario acontecido en 2013 preto de Santiago de Compostela, en Angrois. Unha iniciativa defendida polo deputado do BNG, Néstor Rego, que se compromete a traballar na Comisión co obxectivo de esclarecer o acontecido, dilucidar a verdade dos feitos e asumir as responsabilidades políticas se for preciso, así como que sirva de impulso para unha verdadeira Comisión Técnica Independente.

A iniciativa do BNG, presentada conxuntamente con ERC e EH Bildu, contou cos votos a favor de todas as forzas políticas, agás PP e VOX. O obxectivo é retomar os traballos da anterior Comisión de Investigación que arrincou en xuño de 2018 e viu paralizada a súa actividade coa disolución das Cortes do Estado en 2019 e bloqueada en múltiples ocasións. Por outra banda, Rego tamén sinala a necesidade de sacar conclusións axustadas que vaian na liña de “esclarecer a verdade e poder asumir responsabilidades políticas se fose o caso”.

“Foi unha investigación condicionada en gran medida pola existencia dun informe da CIAF, cuestionábel e cuestionado por partir dun organismo non independente, vinculado ao propio Ministerio de Fomento”  explica Néstor citando o documento da Axencia Ferroviaria Europea. Por este motivo, a Comisión Europea, por solicitude da voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, abriu un procedemento de infracción ao Estado español que aínda non está fechada.

A formación nacionalista é consciente de que “o ideal sería que a Comisión Parlamentaria arrincase con posterioridade a que se realizase unha verdadeira investigación técnica independente, mais temémonos que se non existe impulso político suficiente, esa investigación non chegue a producirse”. “Existen elementos novos, algún relevante, como a denuncia dun mecánico do Talgo de que media hora despois do sinistro, varios directivos da empresa deron a orde  taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos" enfatiza Rego.

Así mesmo, o deputado nacionalista sinalou a PP e PSOE “por teren responsabilidades ministeriais en relación co caso” e reclama rematar co “escurantismo e ocultación”. Neste sentido, Rego recriminou o veto estabelecido sobre o premiado documental Frankenstenin – 04155 que aínda non se emitiu na televisión pública.

“Continúan existindo moitas incógnitas sobre aspectos absolutamente relevantes: sobre o trazado da curva da Grandeira, sobre por que non estaba operativo o sistema  ERTMS nese tramo, o que evitaría o accidente, sobre se este tramo foi aberto por razóns políticas precipitadamente, antes de que se realizaron todas as comprobacións e probas de seguridade, quen ordenou borrar datos e, por tanto, ocultar probas fundamentais para a investigación...” enumera o deputado.




 

Aprobada a iniciativa do BNG para crear a Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia