parlamento europeo

Ana Pontón viaxa a Bruxelas para abordar o acordo Mercosur co comisario europeo de Agricultura e a súa repercusión en Galiza

Ana Miranda e Ana Pontón
Xunto coa eurodeputada Ana Miranda, trasladará a Christophe Hansen a oposición do BNG a un tratado que prexudica ao sector agrogandeiro

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprázase a Bruxelas onde manterá unha reunión co comisario de Agricultura, o luxemburgués Christophe Hansen, nunha xuntaza na que tamén participará a eurodeputada Ana Miranda, para abordar as nefastas repercusións que o tratato de libre comercio con Mercosur tería para ao sector agrogandeiro galego.

No encontro que terá lugar na sede da Comisión Europea o vindeiro tres de marzo, Pontón trasladará a Hansen a posición do BNG en contra dun acordo que supón deixar  ós produtores e ás produtoras galegas, especialmente as de carne, nunha situación de indefensión, “obrigándolles a competir en desigualdade de condicións”.

“A produción nos Países do Mercosur faise con estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal menos estritos que os que se aplican aos nosos produtores e iso supón vantaxes á hora de competir, porque teñen menos costes o que lles permite abaratar prezos. E nunha Galiza na que predominan explotacións de tamaño medio, unha caída do prezo pode supoñer a diferencia entre viabilidade ou peche”, advirte a líder do BNG.

De aí a posición mantida polo BNG que, a diferencia das forzas estatais PP-PSOE-, votou en contra do acordo na Eurocámara.

“Desde o BNG compartimos as críticas e as preocupacións do sector agrogandeiro ante este acordo e por iso estamos en contra da súa aplicación  e somos coherentes tanto no parlamento galego, como no Congreso, como en Bruxelas, porque queremos  un rural vivo e produtivo e para iso non se poden poñer en marcha acordos que amezan a supervivencia de miles de explotacións. Por iso, demandamos ao goberno da Xunta e ao do Estado que rectifiquen e se poñan do lado dun sector estratéxico para Galiza ”, recalcou Pontón.

A líder do Bloque contrapuxo a actitude  de brazos cruzados do Executivo de Rueda coa posición clara e inequívoca do BNG, cun papel relevante  da seurodeputada Ana Miranda, na decisión do Parlamento Europeo de remitir o tratado ao Tribunal de Xustiza Europeo (TXUE), xa que abre unha oportunidade de negociación e de presión para desbotar definitivamente un acordo que cualificou de “nefasto” para o sector galego.

O acordo Mercosur suporá a entrada libre de aranceis de 99.000 toneladas de carne de vacún e 180.000 toneladas de carnes de aves procedentes do Mercosur, cando Galiza produce anualmente 95.600 toneladas de carne de vacún -das que 23.000 están amparadas pola indicación xeográfica Tenreira Galega- e 215.000 toneladas de carne de aves.

Ademais da cita co comisario de Agricultura, Pontón manterá unha reunión co Grupo Alianza Libre Europa (ALE), do que forma parte o BNG na Eurocámara.