Ana Pontón ve unha estratexia de márketing na moción de censura do PP, que o BNG nunca apoiaría por ser lesiva para Galiza

Ana Pontón

O Bloque non apoia nin o PSOE nin a Sánchez, só  propostas que son positivas para o noso País e as maiorías sociais, aclara a portavoz nacional  

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “estratexia de propaganda e márketing” as “manobras” do PP para amagar cunha moción de censura que non vai presentar e que, deixou claro, o BNG nunca apoiaría porque sería nefasta para os intereses de Galiza.

“Nunca imos apoiar unha moción de censura impulsada por esta dereita do PP cada vez máis ultra de ganchete coa extrema dereita anti-galega porque sería prexudicial para Galiza, lesiva para as clases traballadoras e un mazazo para a maioría social do noso País”, asegurou tras acusar o PP de intentar trasladar a outras forzas políticas a responsabilidade da súa decisión. 

Nun “momento moi complexo e moi difícil” no Estado, Pontón aproveitou a súa visita aos concellos ourensáns de Montederramo e A Teixeira para subliñar, “con total claridade e con toda rotundidade”, a “auténtica repulsión” que causa  no BNG a “corrupción sistémica”, que agora “está acechando” ao PSOE pero que tamén afectou ao PP,  “o único partido de toda Europa condenado por financiamento ilegal”, e á Casa Real.

“Fronte á corrupción, tolerancia cero”, destacou a líder nacionalista, pedindo que “caia todo o peso da lei” sobre quen comete delitos deste tipo, “porque é unha indignidade ver como se utilizan recursos público para lucrarse persoalmente”, agregou, advertindo ademais do dano que este tipo de prácticas, que afastan á cidadanía da política, fan ao sistema democrático.

Porén, Pontón rebateu a idea de que todos os políticos son iguais e, neste punto, salientou que  “o BNG leva máis de 40 anos gobernando nas institucións e non ten nin un só condenado por corrupción”. “A cidadanía do noso País ten no BNG unha forza política honesta na que pode confiar”, asegurou.

A portavoz nacional quixo ademais incidir en que o Bloque ten un acordo de investidura, e non de lexislatura, co Partido Socialista, polo que “non estamos apoiando ao Goberno nin a Pedro Sánchez” senón que “unicamente estamos en Madrid defendendo aquelas políticas que son positivas para as maiorías sociais e para Galiza”. De aí o seu compromiso de seguir traballando para mellorar a vida dos galegos e s galegas reclamando o PSOE que cumpra o pactado no acordo de investidura e defendendo os intereses do País no Estado.