Ana Pontón urxe a mellora das conexións ferroviarias de Ferrol coa Coruña e Ribadeo para darlle á comarca “un tren do século XXI”
Pide axilizar o baipás de Betanzos, a electrificación e duplicidade da liña á Coruña e a modernización e posterior transferencia da que une coa Mariña
Critica a discriminación ferroviaria dos executivos de PP e PSOE en Madrid e ao de Rueda a súa incapacidade para conseguir un tren de cercanías
Defende a transferencia a Galiza das competencias do ferrocarril interior e a creación dun ente ferroviario galego para a xestión directa do servizo
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Ferrol as propostas do BNG para darlle a Ferrolterra o “tren do século XXI” que merece, a comezar por mellorar as conexións ferroviarias da cidade coa Coruña e Ribadeo.
Así o manifestou logo do encontro que mantivo co Foro Cidadán polo Ferrocarril para abordar as necesidades da conectividade ferroviaria na comarca e na que tamén participaron o portavoz municipal, Iván Rivas, e o deputado Ramón Fernández.
Pontón reafirmou o compromiso do BNG na defensa dun servizo de ferrocarril de calidade para Ferrol logo de considerar que “non é de recibo” que a cidade reciba continuamente “paus nas rodas” na vez da modernización das infraestruturas que necesita e que considerou “vitais” para o seu desenvolvemento social e económico.
“Non estamos dispostos a que Ferrol sexa discriminada e o que defendemos desde o BNG é que a cidade ten que ter un tren do século XXI, con horarios do século XXI, con frecuencias do século XXI e cunha infraestrutura do século XXI”, subliñou, para denunciar a continuación un servizo ferroviario deficitario, con “algúns trens máis pensados para chegar a coller o AVE que para darlle servizo á poboación ferrolá”.
Neste sentido, apostou por concibir Ferrol e A Coruña como unha área propia que aglutina a case medio millón de habitantes e que tería unhas posibilidades de futuro “inmensas” se contase cun tren de proximidade de calidade. Por iso, urxiu a execución das melloras desta conexión ferroviaria, así como a que comunica Ferrol con Ribadeo, unha liña que hai que modernizar e reactivar, alegou.
A líder nacionalista considerou intolerable que para a cidadanía ferrolá sexa “misión imposible” utilizar o tren como medio de transporte ao carecer de horarios, frecuencias e uns tempos que converten a Ferrol na cidade co tren máis lento de todo o Estado. “Os tempos en ferrocarril case duplican aos que saen se utilizas o teu coche privado”, advertiu para considerar intolerable esta situación.
Unha situación, denunciou, á que se chegou pola discriminación a Ferrol dos sucesivos gobernos de PP e PSOE en Madrid, que non investiron os compromisos adquiridos coa cidadanía en períodos electorais, mais tamén dun Goberno de Alfonso Rueda “que leva 16 anos demostrando que é incapaz de defender e conseguir que Galiza teña unhas cercanías do século XXI” e que tampouco exerce as competencias en materia ferroviaria que o País ten recoñecidas no Estatuto.
Neste contexto, Pontón defendeu as propostas a curto e medio prazo que o BNG vai defender tanto no Parlamento galego, como no Congreso e no Senado, e que pasan, en primeiro lugar, por reclamarlle ao Executivo do PP que exerza as súas competencias e cree un ente ferroviario galego, o Galtren, para que Galiza dispoña dun tren de proximidade, tal e como teñen outras comunidades.
Para materializalo, instou ao Goberno de Rueda a reclamarlle ao Estado a transferencia dos medios en materia de ferrocarril interior, como xa teñen, por exemplo, Euskadi, Cataluña ou Valencia. “De feito, o propio Parlamento galego xa ten reclamado estas competencias e estes medios, pero Rueda non fixo absolutamente nada durante estes anos para conseguilos”, recordou.
En segundo lugar, apostou por que, a curto prazo, se repoñan servizos nas conexións entre Ferrol e A Coruña, dado que, coa vía existente na actualidade, son posibles e necesarios uns horarios que permitan utilizar o ferrocarril como medio de transporte; e, a continuación, defendeu a modernización da propia liña.
Nesta liña, recordou que o acordo de investidura acadado polo BNG co Partido Socialista xa inclúe o remate antes de acabar a lexislatura, do baipás de Betanzos, cuxo cumprimento urxiu ao Goberno central, mais tamén considerou preciso mellorar o trazado da liña que comunica ámbalas dúas cidades, afrontando a súa electrificación e facilitando a súa duplicidade.
En terceiro lugar, propuxo que a liña Ferrol-Ribadeo sexa tamén transferida a Galiza, logo de modernizar a infraestrutura, tanto da vía como de trens, para colocala deste xeito nas mesma condicións que ten o Feve noutras partes do Estado.
“Desde o BNG imos seguir presionando para que Ferrol teña un tren do século XXI”, sintetizou logo de confirmar que a organización nacionalista trasladará as súas propostas aos concellos, ao Parlamento galego e ao Congreso e senado como leva facendo desde hai anos. Así o evidenciou ao recordar que “a única actuación que hai no mapa” para modernizar o servizo ferroviario de Ferrol é resultado do acordo de investidura logrado polo Bloque.
“Está claro que canto máis peso gañemos en Madrid, máis poderemos avanzar para acabar cunha discriminación que é histórica, pero que hai que rachar porque non podemos permitir a exclusión dunha das principais cidades do noso País”, incidiu. “É unha responsabilidade e o BNG vai pelexar para que non se produza”, concluíu