Ana Pontón urxe avanzar nun modelo de residencias público que garanta unha vellez digna

Ana Pontón

“Nin negocio de empresas controladas por fondos opacos, nin caridade asistencial de entidades vinculadas á Igrexa, debe ser un servizo público”

Dúas propostas: Xestión pública das 7 residencias previstas nas cidades e recuperar as prazas privatizadas a medida que venzan os contratos

A pandemia sacou a luz con toda crueza  as deficiencias do modelo de residencias, pero os problemas xa existían antes da COVID e teñen a súa orixe nun sistema de xestión privatizado en máis do 80%, que sitúa o coidado das persoas maiores en dous extremos: o do negocio puro e duro ou o da caridade asistencial.

Un modelo no que as residencias ou ben están controladas por fondos de capital que operan desde paraísos fiscais; ou ben están controladas por entidades vinculadas á Igrexa católica. Exemplo do primeiro é DomusVi, -que con arredor de 5.000 prazas é a primeira en Galiza-; e do segundo, a Fundación San Rosendo e Hermanitas de los Ancianos Desamparados, que xestionan arredor de 5.000 prazas. Galiza dispón de arredor 20.000 prazas de residencias de maiores.

“É un problema de País e de nada serve ocultalo”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, “temos un modelo de residencias privatizado que se move entre dous extremos: o do negocio puro e duro e o da caridade asistencial, un prestado por empresas controladas por fondos de capital que mesmo operan desde paraísos fiscais e o outro por entidades vinculadas a Igrexa católica”, sintetizou a líder do Bloque na súa comparecencia precisamente diante dunha das residencias de DomusVi en Santiago, é unha das máis impactadas pola COVID.

“DomusVi é un dos grandes xigantes dese modelo que fai negocio coa atención ás persoas maiores, propiedade dun fondo de capital británico, dun fondo dos Emiratos Árabes e dun multimillonario francés. E opera desde o paraíso fiscal da Illa de Jersey”, explicou, “ mentres que a Fundación San Rosendo está en mans do Bispado de Ourense e Hermanitas de los Ancianos Desamparados e dunha orde relixiosa fundada no século XIX. Este é o modelo na Galiza do século XXI”.

Noutras palabras, recalcou Pontón, “a atención ás persoas maiores non está en mans das Administracións publicas, senón de empresas que buscan facer negocio e de entidades de caridade asistencial. E este modelo fracasado é o que o BNG quere cambiar, nin negocio puro e duro, nin caridade, o coidado das persoas maiores debe ser un servizo público”, alegou, para quen sería “inmoral” que despois do sucedido na pandemia se siga con este modelo “ou se leven a cabo simples cambios cosméticos”.

Hai que camiñar  cara un cambio “radical” de modelo, reclama Pontón, e nese sentido, o Bloque vai levar ao Parlamento unha dobre proposta: primeira, que as sete residencias previstas nas grandes cidades sexan de xestión integramente pública e, segunda, recuperar para o público, a medida que venzan os contratos,  a xestión de todas as  residencias que sendo de titularidade pública, están en mans privadas.

“Somos realistas e sabemos que non é posible reverter o actual modelo dun día para outro, pero que haxa moito traballo por diante, non significa que non se poda facer e unha da ensinanzas da pandemia e que non se pode deixar o coidado das persoas maiores nin en mans de empresas que buscan o lucro, nin en mans de entidades caritativas. Os dereitos fundamentais, como o de ter unha vellez digna, deben garantilos as Administracións públicas a través de servizos públicos”, sintetizou Pontón.

Ninguén entendería, concluíu a líder nacionalista, “que a sanidade ou a educación estivesen privatizas nun 85%, nos levaríamos as mans á cabeza, pero iso é o que pasa co modelo de residencias e non é un problema de recursos senón sobre todo como se distribúen e a quen van”. Tras a aprobación da Lei de Dependencia en 2007, o coidado das persoas maiores pasou a ser o cuarto pilar do Estado de benestar, xunto coa sanidade, a educación e as pensións.