Ana Pontón: “Unha trama político-financeira provocou a caída Banco Popular beneficiando o Santander”

Noa Presas e Ana Pontón

Feijóo deixa un sistema financeiro galego desolador. A desaparición do banco Pastor e a venda  por un euro do Banco Popular ao Santander representa a “acta de defunción dunha banca privada galega” que deixa desprotexidas as persoas consumidoras, autónomos e autonómas,  pequenas empresas e moi debilitado  o tecido   empresarial galego, indicou a nacionalista  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou hoxe de “mala noticia” a venda do Banco popular que deixa a Galiza “sen músculo financeiro” e avanza nun proceso centralizador que nos desprotexe aínda máis. Neste sentido asegurou que existe “unha trama política financeira” que provocou a caída do Banco Popular e da que sae beneficiado o Banco Santander.

 Para a nacionalista, o balanzo de Feijóo respecto do sistema financeiro galego é “desolador”, primeiro  coa  privatización das  caixas de aforros galegas vendidas  a prezo de saldo a un banco venezolano  por 1.000 millóns de euros que recuperarían con beneficios, no  primeiro ano, e  agora  ante a consumación  da crónica dunha morte anunciada: “Desaparece definitivamente o Banco Pastor ao se vender o Popular por 1 euro , e con esa operación dáselle a estocada de morte a banca privada galega”, afirmou.

A líder do BNG manifestou que  so problemas da banca persisten e constatan o fracaso da reestruturación bancaria. O Partido popular e o PSOE, explicou,  pactaron  un modelo de “privatización, concentración e centralización do sector financeiro” privatizando as caixas de aforros que  provocou “nefastas consecuencias” para Galiza. O goberno é reponsable do que está pasando por non ter estoupado a burbulla financeira. “Permiten manter os activos inmobiliarios como activos financeiros esperando futuros negocios e os problemas seguen aí”, recalcou a nacionalista.

O Banco de España e a Comisión Nacional de Valores son responsables da caída do   Banco Pastor e da absorción por parte do Banco popular con “graves problemas financeiros” derivados da especulación inmobiliario e a  prezo dun euro, “o Banco Santander asumirá todo o patrimonio do Banco Santander”.

Por outra parte, Pontón cualificou de “tomadura de pelo” as declaracións do ministro de Economía, Luís de Guindos por afirmar que a venda do Popular non terá custe para o Estado. A primeira consecuencia, serán as 350.000 persoas accionistas “vítimas dunha nova modalidade de estafa bancaria” e que non son grandes inversores, senón pequenos aforradores que se fixeron coas accións avaladas polo propio Banco de España e o Ministerio de Economía,  os segundos afectados serán todos os traballadores e traballadoras que tamén foron incitados a mercar accións para manter a súa actividade e que agora verán como esas accións teñen valor cero polo tanto, “dende Galiza non saúdamos nin nos parece boa noticia  a venda do Popular”.

O BNG PROPÓN CREAR UNHA OFICINA PARA QUE OS ACCIONISTAS RECUPEREN OS SEUS AFORROS  

Para a portavoz do BNG, “Galiza non pode permanecer de brazos cruzados” polo que propuxo investigar todo o proceso dende a venda do Banco Pastor ate a trama de decisión que desembocou na compra “por un euro” do Banco popular, negociar co banco Santander o mantemento do emprego e da rede de oficinas así como o compromiso dos créditos e crear unha oficina de “atención ás persoas, minoristas ou que mercaron accións nos últimos meses para que recuperen os seus aforros”.

Finalmente, Pontón tamén reclamou garantías para manter a actividade da Fundación Barrié  no labor social, cultural e educativo co  retorno dunha parte dos beneficios a obra social. Por outra parte, advertiu que a operación financeira tamén pon en risco a restauración dunha das “maiores xoias patrimoniais, o Pórtico da Gloria”e a nova entidade debe ofrecer garantías investindo unha parte dos seus  beneficios para non poñer en rico a restauración que xa leva acumulados varios anos de retraso.

Pola súa parte, a parlamentaria do BNG, Noa Presas recalcou que a venda do Banco Popular consolida unha reestruturación bancaria deseñada para concentrar o poder financeiro cada vez “baixo menos mans”. Primeiro foi a desaparición das caixas de aforro galegas e agora dan outro paso coa venda do Popular. Noa Presas salientou a grande implantación do banco en Galiza con cerca de mil traballadoras e traballadores, así como con 200 oficinas bancarias. A deputada asegurou que estas oficinas ofrecen un importante servizo, sobre todo no medio rural polo que reclamou un compromiso para seguir mantendo esta rede de oficinas.