Galegas 2020

Ana Pontón salienta que o BNG recuperou Fene para a veciñanza e que o 5A o obxectivo é liderar o cambio real en Galiza

Acto Fene

Rivas pide sumar nas urnas na candidatura nacionalistas para acabar coas políticas “demoledoras” do PP na comarca de Ferrolterra

Sector industrial, infraestruturas, servizos públicos e reactivación económica, entre as prioriadades da formación para a comarca

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, destacou no seu mitin en Fene que do mesmo xeito que o BNG logrou recuperar o goberno municipal par poñelo ao servizo da veciñanza, o obxectivo de cara ás eleccións galegas é liderar o cambio real en Galiza e conseguir que, por primeira vez na historia unha muller e nacionalista presida un goberno coas mans libres para defender os intereses do país.

“Este é o meu primeiro mitin como candidata á Presidencia de cara ás eleccións do 5A, aquí dimos unha lección de dignidade e de honestidade política grazas a Juventino Trigo e a todos os compañeiros e compañeiras que loitaron por devolverlle a Fene un goberno ao servizo da xente”, proclamou Pontón.

“O pasado 7 de febreiro recuperamos Fene para a veciñanza, da man dun goberno honesto, traballador, con capacidade para mellorar a vida das persoas, colocando os intereses da maioría social por diante. E o 5A imos recuperar Galiza abrindo un tempo novo, logrando un cambio real liderado polo BNG”, salientou a líder nacionalista.

Por iso, recalcou, o Bloque vai “saír a por todas” porque non chega “un mero re-cambio”. “Non son tempos nin de gobernos absolutistas nin de gobernos sucursalistas das forzas estais. É o momento dun cambio galego para ter unha presidenta coas mans libres, sen mordazas nin ataduras, que defenda os intereses deste país se mirar polo retrovisor nin a Génova nin a  Ferraz”, salientou.

“O noso centro de decisión é Galiza e temos un proxecto serio, solvente, fiable a favor dos galegos e das galegas, capaz de deixar atrás unha década de desfeita do Goberno do PP. E imos polo bo camiño, porque o BNG está á alza e cada día que pasa son máis as persoas que miran cara nós como a única garantía de cambio real, porque saben que temos políticas transformadoras e saben que non lles imos fallar”, argumentou.

En relación á comarca de Ferrolterra, criticou o “nefasto”  balance do Goberno de Feixóo “porque non foi capaz de sacar adiante nin unha soa das cuestións desta comarca” e avanzou as prioridades do BNG.

Ferrolterra terá cun goberno liderado polo Bloque “un aliado do sector naval” para defender os seus intereses e conseguir carga de traballo, “ao contrario do fiasco de PEMEX, pois o que ía ser a panacea acabou cunha investigación por fraude por parte do goberno mexicano”. O mesmo se pode dicir coa recuperación integral da Ría, unha eterna promesa sen cumprir, desaproveitando riqueza e postos de traballo, pero que é prioritario para o BNG.

E nada se fixo tampouco para modernizar as conexións ferroviarias entre Ferrol e A Coruña, “que soporta un tren do século pasado, pese a que miles de persoas se moven a diario entre ambas cidades por razóns de traballo, para facer xestións ou mesmo de ocio”, alegou. Neste sentido, destacou a creación do GALTREN para potenciar o transporte ferroviario de cercanías.

Nada tampouco para evitar a deslocalización de empresas, nin para evitar o deterioro progresivo do comercio local, pese a ser unha fonte de cohesión social e urbana e de creación de emprego. Un plan de revitalización do comercio de proximidade será parte da acción de goberno do BNG.

Unha década de discriminación

Pola súa parte, o candidato pola Coruña Xosé Luís Rivas criticou a década de maltrato con Ferrolterra “baileirando os servizos públicos” como a sanidade, e hoxe case non hai concellos na comarca con deficiencias na atención pediátrica, afectando a máis de 3.000 crianzas. “Imos reverter eses recortes”, proclamou.

Adiantar a construción das F-110

As “políticas demoledoras” do PP tamén penalizaron o sector industrial co peche de Polígal,  a situación “agónica” de ENDESA ou as gradas baleiras en Navantia e lembrou que 2.000 traballadores das empresas auxiliares corren o risco de quedar sen emprego, polo que reclamou adiantar o programa da construción das fragatas F-110 e dotar o estaleiro de persoal cualifado e recursos económicos para impulsar a contrucción naval e civil.

Recuperación bancos marisqueiros

Tamén aludiu ás consecuencias do Brexit  nas cotas pesqueiras que afectará ao sector pesqueiro das comarcas de Ortegal e Cedeira.  Rivas denunciou a situación dos mariscadores de Ferrol e Barallobre pese a estar nunha das rías máis produtivas se estivese executada a rexeneración das augas. “É preciso un Plan de recuperación dos bancos marisqueiros”, salientou.

“O desemprego, a crise demográfica, a contaminación  das rías e a  falta  de traballo nos estaleiros pode reverterse con outras políticas, -sinalou o candidato-, e o 5A  temos a oportunidade de abrir un tempo novo con Ana Pontón como presidenta e iniciar o cambio real que Galiza necesita e que só é posible da man do BNG”.