Ana Pontón reivindica o San Froilán como símbolo dunha cidade acolledora que aposta pola defensa da nosa cultura e identidade
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón puxo en valor o San Froilán como símbolo dunha cidade acolledora, que aposta pola defensa da nosa cultura e da nosa identidade.
Na súa visita este venres, aproveitou tamén para destacar o traballo político que está a facer o BNG no Concello, onde a formación nacionalista leva tempo axudando á transformación da cidade. “Levamos tempo axudando á transformación de Lugo, sendo un motor que aposta por crear espazos urbanos de calidade, por defender a nosa cultura, por avanzar tamén da modernización dos nosos espazos”, afirmou.
Subliñou que o BNG está demostrando que esta cidade “ten un proxecto de futuro que mellora a vida das persoas” e que aposta por “confiar no que somos como galegos e galegas”.
Deste xeito, puxo Lugo como “exemplo desa capacidade de transformación que temos desde o BNG” e recoñeceu así un labor que “se está facendo dunha maneira eficaz nesta cidade, na que o nacionalismo demostra que ten un proxecto de futuro”.
“É para min un gustazo poder estar un ano máis no San Froilán, unha festa que non veño só como portavoz nacional do BNG, senón que é unha festa de referencia para min. Todos os anos era un punto obrigado na miña vida familiar visitar o San Froilán, comer o polbo e poder gozar das atraccións”, declarou.
En canto á edición deste ano, afirmou que “unha festa que é un símbolo tamén de como é Lugo, que é unha cidade acolledora, integradora, diversa” e que “aposta pola defensa da nosa cultura, da nosa identidade e que recolle o mellor de Lugo e o mellor da tradición do noso pais, combinada coa modernidade”.
“Unha festas que rebordan a cidade e iso tamén é un motivo de celebración”, manifestou, felicitando o Concello, e moi especialmente a edil de Festas, polo labor de facer un ano máis do San Froilán, unha festa que representa o mellor que somos e que ademais está a ser un éxito para a cidade”, concluíu.