Ana Pontón reivindica a forza do feminismo rebelde e organizado para frear o avance da onda machista e reaccionaria
Lamenta ver ao presidente da Xunta de ganchete co goberno de Milei, exemplo do neofascismo negacionista que recorta dereitos das mulleres
O BNG defende unha rede pública de coidados, clave para avanzar en igualdade fronte a un PP que carga esta responsabilidade nas mulleres
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou esta mañá acompañada dunha representativa delegación de mulleres con responsabilidades políticas e institucionais, na declaración política con motivo da conmemoración do 8 de Marzo, onde fixo un chamamento á cidadanía galega a participar de maneira masiva nas mobilizacións previstas no día de hoxe para reivindicar unha Galiza de mulleres libres e iguais. “Hoxe é un día de orgullo feminista, de loita e de mobilización para seguir traballando por unha sociedade máis xusta”, afirmou.
Pontón denunciou que o feminismo está sendo atacado polo avance da onda neofascista e destacou que “se hoxe hai un movemento con forza para frear o neofascismo machista, ese movemento é o feminismo”. A líder nacionalista advertiu de que os sectores máis reaccionarios temen o feminismo porque “saben que defendemos a igualdade, mentres eles promoven a desigualdade e a discriminación”.
Na súa intervención, Pontón fixo un recoñecemento ás mulleres que abriron camiño ao longo da historia, destacando o exemplo das mulleres de Narón, que xa en 1918 celebraron o primeiro 8M galego e acadaron a primeira declaración de igualdade de dereitos entre homes e mulleres do Estado.
A portavoz nacional do BNG tamén criticou duramente a xestión do goberno galego en materia de igualdade. “O PP está a traballar en contra dos avances das mulleres, con medidas que van desde a supresión do Servizo Galego de Igualdade, recortar as axudas ás vítimas da violencia machista ata a aprobación de leis para financiar con cartos públicos redes antiabortistas”, denunciou. Ademais, acusou ao presidente da Xunta de aliñarse con gobernos reaccionarios como o de Javier Milei en Arxentina.
No referente ao ámbito económico e laboral, Pontón salientou que é un dos máis importantes pois as mulleres seguen tendo peores condicións laborais e unha fenda salarial de case 5.000€ ao ano. “Faltan medios para inspeccionar e facer que se cumpra a lei”. Lonxe de ser un exemplo de igualdade, o goberno do PP vulnera os dereitos laborais e de conciliación de miles de traballadoras na administración pública, precarizando ás condicións laborais das mulleres naqueles servizos nos que son maioría.
O BNG reclama un compromiso real coa igualdade e propóñense medidas concretas para combater a discriminación das mulleres en Galicia. Entre estas medidas destacan a realización dunha auditoría da situación laboral das mulleres en todas as contratacións públicas para garantir o cumprimento dos convenios colectivos e a lexislación en materia de igualdade, a creación da Valedoría da Igualdade, un órgano de defensa contra a discriminación de xénero con funcións de investigación, mediación e sanción, a posta en marcha dunha rede pública de coidados que libere ás mulleres da sobrecarga do traballo non remunerado e a ampliación das prazas en escolas infantís para garantir a universalidade do ensino de 0 a 3 anos e favorecer a conciliación.
Ademais destas medidas, o BNG insta á Xunta de Galiza a cumprir cos compromisos internacionais en materia de igualdade e dereitos das mulleres, aplicando políticas efectivas e garantindo o acceso a recursos e servizos para todas as mulleres, independentemente da súa situación socioeconómica ou lugar de residencia.
Finalmente, Pontón insistiu na importancia de encher as rúas de feminismo, orgullo e rebeldía. “Este 8M dicimos alto e claro: nin medo, nin vergoña! Mulleres libres e iguais!”, concluíu.