Ana Pontón reivindica en Aguiño a Galiza mariñeira como esencia da identidade, da memoria colectiva e da fortaleza do País
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañou, xunto ao alcalde de Ribeira, Luís Pérez, aos traballadores e ás traballadoras do mar da parroquia de Aguiño na celebración do Día do Carme, que aproveitou para reivindicar a Galiza mariñeira como esencia da identidade, da memoria colectiva e da fortaleza do pobo galego.
“Galiza é unha nación mariñeira”, asegurou, subliñando non só o carácter estratéxico que o sector do mar ten na economía do País, senón tamén a súa contribución á identidade e á cultura galegas. “Cada vez que nos achegamos a un porto vemos a forza de todo un pobo que se acostumou a vivir co sal nas mans e co horizonte do mar nos ollos”, asegurou.
Pontón enxalzou o traballo dos galegos e as galegas que viven do mar, “desde os mariñeiros —dixo— até as mariscadoras, as redeiras, a xente que traballa nas lonxas, os patróns e todas e cada unha das persoas que sosteñen un sector tan importante para o noso País” e que representa, engadiu, “unha maneira de vida que se transmite xeración tras xeración, unha riqueza fundamental para Galiza”.
Desde o punto de vista económico, reclamou para este sector políticas que garantan o seu futuro e os miles de postos de traballo que dependen do mar. Un futuro que pasa, engadiu, por coidar un “ecosistema que é riquísimo” e que precisa ser blindado fronte a “proxectos megacontaminantes” como o que quere implantar Altri coa “complicidade” do PP e do Goberno de Rueda, “que suporía poñer en risco miles de postos de traballo na ría de Arousa”, advertiu.
Pontón subliñou ademais a necesidade de rexeneración das rías galegas e de políticas que “coiden” da actividade económica que se xera ao seu arredor, clave para o futuro do País e para “seguir sendo a nación mariñeira que somos”.