Ana Pontón reclama ao Goberno do PP que desista do disparate de impoñer PACs sen persoal médico para atender as urxencias

Ana Pontón
Ana Pontón
BNG leva ao próximo pleno unha moción para reclamar ao Executivo de Rueda que se deixe de “disparates” e dote atención primaria dos medios necesarios para atender a saúde das persoas

A portavoz nacional, Ana Pontón, demanda ao Goberno do PP que retire a disparatada ocorrencia de deixar os PACs sen persoal médico e, nese sentido, o BNG leva ao pleno desta semana unha moción en contra desa pretensión do Partido Popular.

“Temos listas de espera na asistencia hospitalaria, listas de agarda en atención primaria para acudir aos centro de saúde e agora temos a última barbaridade do Goberno do PP que é PACs sen persoal médico para atender ás urxencias, a última barbaridade do Partido Popular que non podemos permitir”, denuncia a líder do BNG.

Pontón pide ao Goberno de Rueda a “retirada inmediata” desa proposta e que se dote a todos os PACs do persoal facultativo necesario e, neste sentido, o Bloque defenderá no pleno desta semana unha moción con esa proposta. Pontón fixo estas declaracións en Poio na presentación da candidata á Alcaldía, Marga Caldas, e do acto homenaxe a quen fora rexedor deste concello durante case tres décadas, Luciano Sobral.

Precisamente a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés téñense convertido na zona cero dos recortes en atención primaria do Executivo do PP, e mesmo no propio concello de Poio este verán xa houbo consultorios sen médico ou médica, argumentou.

“Pero é un problema que se reproduce ao longo de toda Galiza, de feito vimos a sucesión de mobilizacións dos últimos días nas que a cidadanía expresa o seu cansanzo ante os recortes do PP e o dereito que iso provoca na sanidade pública, reclamando que se deixe de xogar coa saúde dos galegos e das galegas, unha cidadanía farta tamén das mentiras do Partido Popular”, denuncia Pontón.

A formación nacionalista reclama ao PP que deixe de lado a mentira e a propaganda, “e que se poña a traballar para mellorar o sistema público de saúde”. En concreto, a moción que o Bloque leva ao vindeiro pleno, reclama ao Goberno que garanta que os PACs contarán co persoal médico necesario que está pactado, como un docente, un auxiliar de enfermería e os recursos profesionais que se precisen para que estes centros que atenden urxencias cumpran a súa función.

Igualmente, o Bloque demanda da Consellería de Sanidade que poña en marcha unha estratexia concreta para toda a zona da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, zona cero dos recorte en atención primaria, para que dispoña dos recursos necesarios para solucionar os problemas actuais, “que cada vez van a máis”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG