Ana Pontón, sobre a quita da débeda de 4.000 M€ negociada polo BNG: “O PP de Madrid decide, Rueda obedece e Galiza perde”
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda que rectifique e deixe de “poñer paus nas rodas” para que Galiza poida beneficiarse da quita da débeda negociada polo BNG no acordo de investidura. “Ningún galego ou galega é capaz de entender como, ante a oportunidade de que se nos condonen 4.000 millóns de euros da débeda do noso País, o señor Rueda insista en dicir non”, advertiu.
A decisión do Goberno do PP de presentar alegacións contra o anteproxecto de lei sobre a quita, que no caso de Galiza podería chegar aos 4.000 millóns de euros, é unha demostración máis do “servilismo” do titular da Xunta a Madrid e da súa “deslealdade” a Galiza, subliñou Pontón, lamentando que tamén nesta cuestión o Executivo aplique a folla de ruta de sempre: “O PP de Madrid decide, Rueda obedece e Galiza perde”.
“A incapacidade de Rueda para defender Galiza é tan grande que o que fai é poñer paus nas rodas á condonación da débeda”, engadiu a portavoz nacional, para quen os galegos e as galegas non merecen a un presidente que “di si bwana” ao que lle mandan desde Génova, negándose a negociar a quita e prexudicando os intereses do País.
Froito da xestión dos populares, o pago da débeda é hoxe a terceira maior partida de gasto dos orzamentos da Xunta, con máis de 1.500 millóns de euros ao ano. Fronte a iso, remarcou Pontón, a quita da débeda que negociou o Bloque permitirá aforrar millóns de euros que se poden destinar a mellorar os servizos públicos, como o ensino, a educación ou a dependencia.
“O que ten que facer o señor Rueda é deixar de poñer atrancos a unha medida que é positiva para Galiza. Por iso, pídolle que rectifique e deixe de poñer os intereses do PP por diante dos intereses de Galiza”, concluíu a líder do BNG, que fixo estas declaracións durante a súa visita a Conxemar.