Ana Pontón propón regular por lei o reparto de fondos aos concellos para rematar co partidismo e o amiguismo da Xunta do PP

Encontro concellos
Encontro concellos

Defende que a nova norma clarifique os criterios de reparto e a participación anual dos municipios nos ingresos de Galiza, fronte á discrecionalidade actual

Avoga por crear tamén un Plan Concellos da Administración galega e pide ao PP que introduza nos orzamentos 2022 mecanismos para un reparto obxectivo

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón a elaboración dunha lei, consensuada coa Fegamp, que regule a participación nos ingresos de Galiza dos concellos galegos e na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto co obxectivo de rematar coa discrecionalidade, o partidismo e o “método do amiguismo” que practica a Xunta do PP.

Así o avanzou nunha comparecencia logo do cumio municipal do BNG celebrado hoxe en Santiago para abordar diferentes asuntos que impactan na xestión dos concellos e na que advertiu que o 72,2% dos 488,5 millóns que a Xunta destinará o vindeiro ano ás entidades locais van ser distribuídos “de maneira discrecional”. “A Xunta pretende repetir un ano máis o método do amiguismo no reparto dos fondos públicos”, reprobou, para a continuación censurar a doutrina da última convención do PP segundo a que “aqueles concellos onde votan ben van ter máis recursos e os concellos que non votan ben, terán menos”.

“Estamos ante unha práctica antidemocrática que non se pode manter no tempo”, recalcou, logo de recordar que, fronte aos criterios de transparencia, igualdade e seguridade implantados nas Deputacións das que o BNG forma parte do goberno, a Deputación de Ourense -segundo o “demoledor” informe do Consello de Contas publicado en maio- concede o 84% das subvencións “a dedo e con finalidade partidista”, facendo gala do “caciquismo máis vello e máis rancio de toda a vida”.

Para a portavoz nacional, o grave é que esta forma de actuar “oscurantista e partidista” non só está na Deputación de Ourense, senón que tamén está instalada na Xunta. “Vemos como a Xunta está utilizando de maneira partidista estes fondos e sen a claridade, a igualdade e a transparencia que require unha Administración que queira denominarse plenamente democrática”, afirmou.

Por iso, e xunto á nova lei regulatoria, Pontón defendeu tamén a creación dun Plan Concellos da Xunta, para o que considerou preciso integrar no Fondo de Cooperación Local todas as axudas e subvencións anuais que o Executivo galego destina ás entidades locais; crear un fondo anual de infraestruturas destinado aos municipios e formado por aquelas transferencias de capital que a Administración galega destina aos concellos a tavés de convenios e subvencións; e activar un instrumento de transparencia que permita a visualización das transferencias da Xunta ás entidades locais, con medidas de reparto equilibrado das dotacións anuais recibidas por cada un deles.

Neste sentido, e cara aos orzamentos 2022, asegurou que o Goberno de Feixóo “aínda está a tempo de cambiar esta práctica caciquil e arbitraria” establecendo “un mecanismo nos orzamentos que garanten que eses fondos se van repartir entre os concellos de maneira transparente, ecuánime e con criterios obxectivables” para que todos os municipios teñan igualdade de acceso “a uns recursos que non son nin da Xunta nin do PP, senón que son recursos que saen dos impostos que pagan os galegos e as galegas”.

Encontro concellosPerdas de 2.200 millóns para os concellos galegos co actual modelo de financiamento  

A portavoz nacional tamén afondou no “enorme déficit de financiamento” que os concellos galegos levan anos soportando e, nesta liña, recordou os datos que evidencian que os municipios de Galiza reciben de media 50 euros menos por habitante que a do Estado, o que, segundo recalcou, significa que “desde a entrada en vigor do actual sistema de financiamento de 2004 os concellos galegos perderon 2.200 millóns de euros que tiñan que ter sido destinados a mellorar a calidade de vida dos seus veciños e das veciñas”. Ao seu xuízo, esta “discriminación” resulta especialmente sensible no caso das cidades, onde a media das cidades galegas é de 252 euros por habitante, fronte aos 499 de media das grandes cidades do Estado que superan os 500.000 habitantes.

“Non entendemos porque un veciño ou unha veciña da Coruña, de Vigo, de Lugo ou de Pontevedra ten que ter case a metade dos recursos para financiar os seus servizos que un veciño de Madrid, Barcelona, Sevilla ou Málaga”, reflexionou, para a continuación recordar que, coa pandemia, os concellos galegos asumiron ademais competencias que non lles correspondían, moitas delas da Xunta, asumindo un sobrecuste que non lles foi compensado”.   

Neste sentido, concluíu incidindo na posición do Bloque, que leva anos demandando un cambio en profundidade do sistema competencial e de financiamento local adaptado ás características e necesidades da realidade galega, fundamentalmente a dispersión e o envellecemento poboacionais. 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG