Ana Pontón propón que as axudas polos lumes aos viñedos queimados inclúan o lucro cesante
Defende a posta en marcha dun programa específico para a DO do Ribeiro que permita recuperar en catro anos 1.300 hectáreas e 300 viticultores
Aposta pola creación dun viveiro de adegas na comarca que contribúa a que aquelas de menor tamaño poidan transitar cara a unha maior produción
A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo na comarca do Ribeiro que as axudas pola última vaga de incendios anunciadas polo Goberno do PP inclúan o lucro cesante, é dicir, que as axudas non se limiten a cubrir só as perdas ocasionadas polos lumes, senón tamén o que se deixa de ingresar polo seu impacto.
“Desde o BNG reclamamos que se recoñeza o lucro cesante, que se compensen as perdas que provocaron os lumes na súa totalidade, máxime cando vimos como en moitos casos as viñas foron as que salvaron as poboacións do lumes e as que axudaron para que eses lumes se puideran apagar”, subliñou logo de considerar incomprensible a “racanería” do Executivo de Alfonso Rueda á hora de compensar os danos que os incendios provocaron nas vides.
Pontón fixo esta proposta desde a comarca do Ribeiro, onde realizou un percorrido polos concellos de Cenlle, Ribadavia e Carballeda de Avia, nos que visitou adegas da Denominación de Orixe do Ribeiro, inmersa na tempada de vendima, e mantivo unha reunión con representantes vitivinícolas desta DO para analizar a situación do sector.
Un sector e unha denominación de orixe que, advertiu, soportan graves dificultades, ás que se suman agora as perdas causadas pola vaga de lumes, con viñedos queimados no Ribeiro, pero tamén en Monterrei e Valdeorras, nalgúns casos con perdas moi importantes.
“O que non se pode permitir é que despois dos lumes poida haber un abandono maior do noso medio rural e da produción neste ámbito”, incidiu, para recordar a continuación que o sector do viño conta cun enorme potencial e capacidade, pero tamén “sofre 16 anos de abandono das políticas do Partido Popular”.
Dezaseis anos, afondou, nos que o PP deixou “morrer por inacción as Mesas do Viño”, que converteu “nun decorado”, e nos que prescindiu de calquera tipo de planificación estratéxica, o que provoca “abandono de superficie de viñedo e redución da colleita”.
Un abandono que tamén se puido percibir claramente nas anteriores vendimas, cando houbo produtores e produtoras que “non tiveron a quen venderlle a colleita ou que tiveron que vender as súas uvas por debaixo dos custes de produción”, engadiu.
“Ese é un exemplo do que está pasando na comarca do Ribeiro, onde nos últimos 20 anos houbo unha caída brutal na produción e onde moitas persoas abandonaron a actividade que viñan facendo neste ámbito”, criticou na súa comparecencia tras realizar un percorrido polos viñedos da adega Boas Vides no concello de Cenlle.
Unha situación que o BNG quere cambiar de xeito radical con medidas a curto e medio prazo, entre as que se atopan dúas propostas concretas para a D.O. do Ribeiro. A primeira, un programa de actuación específico que permita recuperar en catro anos 1.300 hectáreas e 300 viticultores e viticultoras. “Cremos que é posible facelo, o único que se necesita é vontade política”, subliñou.
E a segunda, a creación dun viveiro de adegas que contribúa a que aquelas de menor dimensión “poidan transitar cara a unha maior produción”, nunha clara aposta pola innovación no sector como ferramenta para incrementar a competitividade dos caldos.
A estas medidas cómpre sumar outras de carácter xeral que o BNG propón para o conxunto do sector, entre elas, a elaboración duna lei galega do viño que permita impulsar a actividade vitivinícola, contratos homologados entre o sector produtor e o transformador que garantan prezos xustos ou a recuperación das Mesas do viño como instrumento de diálogo e negociación entre todos os axentes do sector e a Administración para determinar as políticas a desenvolver.
Pontón salientou a maiores a aposta por un Banco de Terras efectivo para recuperar viñedo abandonado e superficie agraria útil e o desenvolvemento dun plan estratéxico plurianual do sector vitivinícola para a recuperación e renovación de viñedos, que tamén inclúa axudas á comercialización para facilitar a apertura de novos mercados.
“Cremos que este é un sector que ten un potencial, pero tamén necesitamos o apoio necesario e a visión estratéxica necesaria por parte do Goberno galego que, lamentablemente nestes 16 anos non foi un aliado, senón que o que provocou en moitos casos son problemas estruturais que desde o BNG cremos que teñen solución con vontade política”, concluíu.