Ana Pontón propón unha partida de 500.000 € nos Orzamentos para dotar de medios e persoal os COF de Orillamar e do Ventorrillo
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para incluír unha partida de medio millón de euros destinada a dotar dos medios e persoal necesarios os Centros de Orientación Familiar (COF) de Orillamar e do Ventorrillo da Coruña.
Así o anunciou logo da reunión que mantivo coas traballadoras do COF de Orillamar para coñecer de primeira man a situación deste centro, no que, advertiu, ao longo dos últimos anos “se van desmantelando servizos” que repercuten negativamente na atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres e, polo tanto, no seu benestar e calidade de vida.
Pontón recalcou que os Centros de Orientación Familiar desenvolven un traballo fundamental na atención de todo o que ten que ver coa saúde sexual e reprodutiva das mulleres, pero tamén no ámbito da prevención, como por exemplo, na detección de casos de violencia de xénero.
“Os COF o que necesitan é apoio, reforzar máis a súa capacidade para facer o seu traballo porque o que nos están dicindo todas as estatísticas é que se están incrementando as enfermidades de transmisión sexual”, remarcou, para subliñar tamén o importante papel que xogan estes centros á hora de favorecer relacións sexuais e interpersoais saudables.
Por iso, criticou ao Goberno do PP que leve anos “desmantelando estes servizos” e moi particularmente na Coruña, con recortes constantes tanto no centro do Ventorrillo como no de Orillamar, onde “claramente os recursos non son suficientes para poder atender toda a demanda que ten”, até tal punto que non ten capacidade para prestar atención telefónica, polo que unha veciña da cidade ou mesmo doutra localidade da comarca, advertiu, ten que desprazarse fisicamente para pedir unha cita.
“Son circunstancias que non podemos aceptar, que non son normais e que no fondo o que están delatando é que hai un interese en desmantelar este tipo de centros e que hai un deterioro na calidade que ten que ter a prestación de servizos públicos”, sintetizou.
Neste contexto, incidiu na emenda de 500.000 euros aos Orzamentos que defenderá o BNG para dotar dos medios e recursos que necesitan os Centros de Orientación Familiar de Orillamar e do Ventorrillo porque prestan “un servizo básico para mellorar a calidade de vida das mulleres e para atender a unha parte moi importante da súa saúde”.
“É inconcibible que nestes momentos vexamos a un Goberno do Partido Popular que di coa boca grande que quere defender a igualdade das mulleres, pero logo, cos feitos, o que nos está demostrando é que nos leva cara atrás, recortando servizos que inciden directamente na nosa saúde como é o caso dos Centros de Orientación Familiar”, recriminou.
Neste sentido, recordou que lamentablemente este non é un problema exclusivo da Coruña, senón que se estende por toda Galiza, cun Executivo de Alfonso Rueda que “na práctica, está retrocedendo nos servizos e na atención ás mulleres, neste caso en todo o que se refire á atención á saúde sexual e reprodutiva, que é unha parte moi importante do benestar e da igualdade das mulleres”, remarcou.
A líder nacionalista defendeu o reforzo dos servizos públicos fronte aos recortes do Goberno do PP, tamén na sanidade, na que, a consecuencia das súas políticas, advertiu, hai listas de espera de até un mes na Atención Primaria, 11.000 nenos e nenas sen pediatra ou un incremento constante das listas de agarda nos hospitais. “Estamos nun momento no que temos que defender con uñas e dentes a sanidade pública deste País”, recalcou, para referirse a continuación á manifestación que precisamente con este obxectivo terá lugar esta tarde en Vigo.
“Estaremos hoxe en Vigo nunha mobilización que estou segura vai volver a ser masiva para dicirlle alto e claro ao Goberno do Partido Popular que coa saúde da xente non se xoga, que a saúde non é un negocio”, recalcou, para rematar reafirmando o compromiso do Bloque na defensa do máis importante, a saúde. “Desde o BNG estaremos aí para seguir defendendo a sanidade pública, unha das maiores conquistas para garantir que somos iguais ante a enfermidade”, concluíu.