Ana Pontón propón un gran pacto pola ciencia en Galiza con financiamento e dando estabilidade ao persoal investigador

Visita UDC

É clave acabar coa precariedade definindo a carreira de investigación: “o amor á ciencia está moi ben, pero as facturas chegan a final de mes”

Destaca o traballo do Campus Innova da UDC: “fan investigación de primeira cun investimento de segunda”. Propón a creación de INNOGAL

O BNG apoia o proxecto de Cidade das TIC na Coruña, unha aposta de País

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou os centros de investigación da Universidade da Coruña integrados na Campus Innova, -CICA, CITIC e CITEEC-, dos que destacou o seu traballo científico de gran nivel pese a escaseza de medios.  “Están facendo ciencia de primeira cun financiamento de segunda”-, recalcou, poñendo o foco nun dos grandes problemas da I+D+i en Galiza: o infrafinanciamento.

Neste sentido, a líder do BNG propón un gran pacto pola ciencia que debe contar con dúas patas: incrementar os recursos á investigación e dar estabilidade ao persoal investigador para frear a fuga de talento e traer de volta o que se foi por falta de oportunidades.

No primeiro punto, a proposta do Bloque é incrementar o investimento en I+D+i para alcanzar, progresivamente, o horizonte europeo do 2,5% do PIB. Hoxe estamos moi lonxe, por baixo do 1% do PIB. E no segundo aspecto, definir a carreira investigadora que substitúa a actual precariedade por estabilidade e apoio as e os profesionais.

“Porque do mesmo xeito que sen recursos non se pode facer ciencia, tampouco existe ciencia sen científicos e científicas e para iso hai que mudar precariedade por estabilidade. O amor á ciencia está moi ben, pero as facturas chegan ao final de mes. Como País temos un problema coa fuga de talento, necesitamos captar e reter talento, non exportar aos nosos investigadores e investigadoras e para logralo hai que empezar por definir a carreira investigadora”, argumentou.

Precisamente tamén nesa dirección, o BNG propón dotar a Galiza de instrumentos que xa teñen outros territorios e que funcionan con eficacia, en concreto, propón a creación do INNOGAL, na liña do Ikerbasque en Euskadi, ou do ICREA en Cataluña.

Pontón puxo en valor o papel das universidades á hora de xerar ciencia, pois máis do 70% do coñecemento sae do seu persoal docente e investigador e dos grupos e centros de investigación. Por iso, pide dotar ao sistema universitario do financiamento acaido, superar os recortes da última década tendo en conta que se está a negociar un novo plan de financiamento do SUG para os próximos cinco anos, “debe recoller un gran salto”.

A líder nacionalista aproveitou a visita ao Campus da UDC para resaltar o apoio do BNG ao proxecto da Coruña como Cidade das TIC, “un proxecto moi importante non só para a cidade senón que tamén é un proxecto de País”, salientou tras unha visita que agradeceu ao vicerreitor de Investigación, Salvador Naya, e a todo o seu equipo, e na que estivo acompañada polos responsables parlamentarios no ámbito investigador, Olalla Rodil, Luís Bará, Mercedes Queixas e o portavoz municipal, Francisco Jorquera.

Os tres centros visitados, -CICA, CITIC e CITEEC-, traballan en sectores cun gran potencial en Galiza nas TIC pero tamén no ámbito das humanidades e das ciencias da vida, en cuestións tan relevantes como a Big Data, intelixencia artificial ou ciberseguridade, pero  tamén o envellecemento activo, urbanismo sostible ou a dixitalización do patrimonio cultural. “Xogan un papel clave no deseño da Galiza do futuro, cara un modelo económico baseado na ciencia, na investigación e no coñecemento”, concluíu.