Ana Pontón propón duplicar o investimento destinado ao libro até 5,5 M€, sector que aporta cultura, riqueza e postos de traballo

Ana Pontón en Vigo
Ana Pontón en Vigo

Critica a “política de demolición” de Feixóo convertido nun “terminator” cultural, cun recortazo do 58% nos fondos á promoción da lectura e do libro

A edición e libros en galego caeu en picado, de 2.544 en 2010 a 1.200 en 2019. Demanda un Plan de fomento da lectura, previsto na lei pero ignorado

Nada mellor que unha librería para celebrar o Día internacional do libro, e a portavoz nacional, Ana Pontón, exemplificou cunha visita á librería Cartabón en Vigo, -case 30 anos en activo-, a importancia destes establecementos dentro da cadea do sector editorial,  “auténticos lugares de resistencia cultural”, salientou, en relación ás pequenas e medianas librerías.

De Cartabón saíu Pontón con varios libros baixo o brazo, -entre eles Os Bolechas e Elmer, celebérrimos exemplos de literatura infantil-, antes de deixar as propostas do BNG para a promoción da lectura e do libro en galego, baixo mínimos tras doce anos de Goberno Feixóo cunha redución drástica no investimento público: de 5,5 millóns de euros recollidos nos orzamentos de 2009 a 2,3M€ computados nas contas públicas de 2021, “un recortazo do 58%”.

“Hai que mudar esa política de demolición posta en práctica por Feixóo desde a súa chegada ao Goberno da Xunta, convertido nunha especie de Terminator do sector do libro cando debería ser o seu principal valedor”, denunciou. E para iso, a proposta do BNG é duplicar os recursos destinados ao sector de tal xeito que, cando menos, se recupere a cifra de 5,5 M€ que xa se investía fai doce anos, perfectamente asumible  nuns orzamentos que suman 11.600 M€.

Pontón recalcou que o sector do libro non só xera cultura “senón que tamén é un sector económico importante que crea riqueza e postos de traballo”, ademais de dar “visibilidade” á lingua e cultura propia. De feito, o sector cultural no seu conxunto aporta o 2,5% do PIB e o 3% do emprego con 34.000 postos de traballo, e sitúa Galiza como a quinta comunidade con máis emprego neste sector.

Ana Pontón en VigoNeste sentido, o Bloque considera urxente cambiar a dinámica de recortes imposta polo Goberno do PP, que os datos reflicten con claridade porque caen os fondos en todos os programas relacionados coa promoción da lectura e do libro en galego se comparamos 2009 con 2021: adquisición de libros en galego (-80%), edición de libro en galego (-82%), promoción da lectura e do libro (-85%) ou apoio á promoción e edición de libro en galego (-60%). Recortes que teñen consecuencias: a edición e libros en galego caeu en picado, de 2.544 en 2010 a 1.200 en 2019. “O que supón un empobrecemento cultural, pero que tamén ten un custe en termos económicos e sociais”, recalcou.

Pontón tamén demandou a posta en marcha dun Plan de promoción do libro galego e da lectura, como prevé a propia lei, pero que non se ten desenvolvido nunca.

“Unha sociedade que non lee é unha sociedade máis manipulable, unha sociedade menos libre, unha sociedade que non progresa.  Por iso, o BNG considera clave que as Administracións públicas sexan un motor de promoción do libro e da lectura, para ter unha sociedade máis democrática e crítica, unha cidadanía máis informada, máis culta e máis libre”, concluíu, tras visitar a librería Cartabón en homenaxe ao papel destes establecementos, acompañada da portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas; do portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez, e das deputadas viguesas Carmela González e Alexandra Fernández.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG