Ana Pontón propón destinar 10 M€ a contratar persoal para a atención á diversidade e un plan de mantemento e mellora dos centros de ensino

Encontro Ana Pontón reunión e ANPAS da Coruña

Pide ao Goberno do PP que asuma integralmente a rehabilitación de todos os centros na vez de delegar nos concellos, que non teñen esa competencia

Defende que a Xunta xestione directamente todos os comedores escolares do País e non cargue as súas responsabilidades sobre ANPAS e municipios

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo na Coruña un plan de reforzo para a atención á diversidade dotado con 10 millóns de euros para contratar o persoal de apoio necesario para garantir que todo o alumnado con necesidades educativas especiais teña a atención que merece.

Pontón lamentou que, curso tras curso, o Goberno do PP teña a nais e pais con nenos e nenas con necesidades educativas especiais “tendo que mendigar o dereito dos seus fillos a ter unha educación de calidade e inclusiva”, polo que defendeu a urxencia de poñer en marcha o plan de reforzo proposto polo BNG.

“Porque unha educación inclusiva non é simplemente poñer a nenos e nenas con necesidades educativas especiais na mesma aula, é atender a cada unha destas persoas conforme ao que necesitan”, remarcou, para advertir a continuación que existen “lagoas moi importantes” no sistema educativo que “están cercenando o dereito a un ensino inclusivo” que non discrimine ás persoas en función das súas capacidades ou da súa situación persoal.

Así o afirmou logo do encontro que mantivo con representantes das ANPAS e da Federación Provincial de centros públicos da Coruña para analizar a preocupante situación na que se atopa a educación pública na cidade e no que tamén participaron a concelleira e candidata á Alcaldía, Avia Veira, e a deputada pola comarca, Mercedes Queixas.

Logo de lembrar as manifestacións da cidadanía coruñesa en defensa do ensino público, a portavoz nacional incidiu en que a situación en moitos casos é “lamentable” e considerou que “non é decente politicamente” que haxa aulas con goteiras e centros educativos con “problemas estruturais moi graves” en pleno século XXI, sen que o Goberno de Alfonso Rueda ofreza ningunha solución.  

“Estou convencida de que se no despacho do conselleiro houbera goteiras, estas serían arranxadas inmediatamente”, alegou para criticar que o Executivo do PP siga sen mover “un dedo” para resolver a situación de deterioro na que se atopan moitos centros da Coruña e doutros puntos do País. “É unha indecencia e é impresentable porque a mellor aportación que podemos facer como sociedade, o mellor investimento que podemos realizar, é unha educación de calidade para os nosos fillos e fillas e iso empeza en primeiro lugar polas instalacións”, sintetizou.     

Por iso, defendeu neste punto outra das propostas que o Bloque vai levar ao Parlamento en materia de educación e que pasa por desenvolver un plan de mantemento e mellora dos centros de ensino, que parta da análise previa das necesidades de cada infraestrutura, dado que moitos dos centro teñen xa 40 ou 50 anos e “levan moito tempo sen ter ningún tipo de obra nin rehabilitación integral”, incidiu Pontón, quen instou ao Executivo de Rueda a poñer en marcha esta actuación.

Neste sentido, pediu á Xunta que asuma integralmente a rehabilitación de todos os centros na vez de delegar nos concellos, que están afrontando unha competencia que non é súa, o que en moitos casos provoca ademais diferenzas de criterio que acaban derivando en que os problemas non se acaben arranxando.

“Nós o que entendemos é que as competencias educativas son da Xunta, que debe asumilas ao 100%, e, polo tanto, que os concellos non deberían seguir asumindo unha parte do mantemento dos centros, senón que o debe facer a propia Xunta”, resumiu.     

A líder nacionalista tamén puxo o foco sobre os comedores escolares, dos que dixo constitúen “unha parte fundamental do sistema educativo” e reclamou ao Goberno do PP que poña en marcha un plan para que todos os comedores do País sexan xestionados directamente pola Xunta, en lugar de recargar as súas responsabilidades sobre as ANPAS e os municipios. Ten que garantir, alegou, un “servizo en igualdade para todo o alumnado”, dado que este xoga ademais un papel fundamental para a conciliación da vida persoal e laboral.

Pontón contrapuxo as alternativas do BNG á incapacidade do Executivo de Rueda para solucionar os problemas da educación, tal e como exemplificou na falta e sobrecarga do profesorado, nas deficiencias das instalacións dos centros e na desatención á diversidade, na Coruña e no conxunto de Galiza. 

“Temos un sistema educativo que sofre 17 anos de recortes dun Partido Popular que está racaneando o público mentres incrementa os fondos que destina ao ensino privado e que, ademais, está deixando atrás a moitos nenos e nenas do noso País que necesitan un sistema educativo que realmente sexa inclusivo”, concluíu.