Ana Pontón propón unha comisión bilateral Xunta-Estado para negociar a contía e aplicación dos Next Generation en Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica que Feixóo teña como estratexia “poñer Galiza ao servizo de Casado de tal xeito que canto peor para o noso País, mellor para o PP”

Pendente do futuro de ALCOA, o Bloque advirte contra o risco dun novo desastre como a venta da factoría na Coruña e insiste na intervención da SEPI

Estamos en período estival pero, coa que está caendo, a portavoz nacional, Ana Pontón, entende que non é temo de irse de vacacións e apunta propostas de cara a Conferencia de presidentes e presidentas prevista para o 30 de xullo, onde os fondos europeos estarán como punto central da axenda, uns recursos que non son a panacea, nin deben vincularse a recortes, pero que son os únicos extraordinarios para saír da crise.

E para fixar contía e aplicación deses fondos no País, a líder do Bloque propuxo hoxe ao xefe do Executivo a posta en marcha dunha comisión bilateral Xunta-Estado como o mellor foro para, desde unha relación de igual a igual, establecer canto lle corresponde a Galiza e deixar atrás a centralización para xestionar os Next Generation desde aquí.

“Sería o marco máis axeitado para garantir que os fondos chegan e que se usan ben”, sintetizou, tras criticar ao presidente galego polo feito de que, a día de hoxe, aínda non teña presenta o plan para saír da crise, “o que significa que, ou ben non ten plan, ou ben ten algo que agochar ao que se suma o feito de que non ten a máis mínima intención de despegarse do centralismo”. De feito, denunciou, “a estratexia de Feixóo consiste en poñer Galiza ao servizo de Pablo Casado, convencido de que canto peor para Galiza, mellor para os intereses electorais do PP”.

A líder nacionalista fixo referencia ao conclave dos populares para subliñar até que punto Galiza non pasa de ser “un slogan” para o actual inquilino de Monte Pío.

“Os temazos do congreso foron como levar a Casado á Moncloa, que facer para que o PP de Feixóo deixe de ser irrelevante nas cidades e até tiveron tempo de convidar ao portavoz do Partido Popular a celebrar o Xacobeo”, ironizou, “pero nin unha palabra cando temos ALCOA ao borde o abismo, a factura da luz disparada, miles de empregos en risco pola crise industrial, nada tampouco sobre como reforzar a sanidade pública ou de como acelerar a vacinación da xente moza”.

E tampouco nada se sabe de cales son as propostas do Goberno de Feixóo para os fondos Next Generation e para que cheguen á pequena e mediana empresa, aos traballadores e traballadoras autónomas, aos sectores máis impactados pola crise, ou para que haxa unha transición enerxética xusta, “mentres vemos como nas Pontes xa empezaron os despedimentos”-. E no ámbito social, mutis total sobre as propostas ten o presidente da Xunta para sanidade, coidados das persoas maiores, educación ou conciliación.

A líder nacionalista tamén fixo referencia á situación de ALCOA, hoxe pendente da reunión entre a ministra de Industria, Reyes Maroto, e a dirección da empresa en Pisttburgh. “O feito de que teña que ser o Goberno de España quen se despraza á sede da multinacional fala ás claras de como está o equilibrio de forzas”, destacou, ao tempo que reiterou a proposta do Bloque de que a SEPI debe intervir na operación de compra-venda para garantir “que non se produce un novo desastre como vivido en ALCOA  A Coruña”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG