Ana Pontón propón un centro público de I+D+i en almacenamento de enerxía porque é clave para o desenvolvemento industrial

Ana Pontón visita CIQUS
“Temos que situarnos á cabeza e non ser meros espectadores neste ámbito de actuación”, alega tras poñer en valor o traballo do CIQUS nesta materia

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo a creación dun centro público de I+D+i para o estudo de almacenamento de enerxía, un instrumento que considerou clave para o desenvolvemento industrial e para afrontar os retos da transición enerxética.

Pontón alegou que en Galiza hai moitas instalacións enerxéticas pero, sen embargo, o desenvolvemento de tecnoloxía e innovación segue a ser unha “materia pendente” no País, polo que a proposta do BNG para crear un centro público de I+D+i en almacenamento de enerxía é unha forma de “apostar claramente nesa dirección”.

“O obxectivo é situarnos á cabeza e non ser meros observadores dos grandes retos que nos está deixando a transición enerxética en Galiza”, afondou, logo de visitar o centro de investigación CIQUS, onde mantivo un encontro co equipo de traballo da investigadora María Giménez que lidera o proxecto ZinCAGE para avanzar precisamente no almacenamento de enerxía.    

A portavoz nacional agradeceu á dirección do CIQUS poder coñecer de primeira man algúns dos proxectos que está desenvolvendo un centro de investigación que, subliñou, é unha referencia no País e que demostra “o potencial que ten a universidade pública” galega.

Ana Pontón visita o CIQUS

Neste sentido, puxo en valor o ZinCAGE, un proxecto para desenvolver capacidades de almacenamento enerxético, un ámbito que considerou “clave” para o futuro do País, dado que solucionar os problemas de almacenaxe de enerxía é un dos retos que presenta a transición enerxética e esta investigación, subliñou, “vai na boa dirección”.  

“Temos un reto moi importante porque somos un país que produce enerxía neta, pero que temos no almacenamento enerxético un reto moi grande e parécenos que esta liña de investigación debe ter un apoio estable porque é unha liña estratéxica para Galiza”, afondou, para apuntar a continuación ao talento investigador que ten o País e que pode captar para traballar neste ámbito de actuación.

Pontón remarcou a importancia de avanzar en materia de almacenamento enerxético para poder depender menos das enerxías fósiles e subliñou que o apagón de 2025 tamén demostrou a necesidade de traballar nesta dirección “para darlle estabilidade ao sistema e á produción industrial”.

Por iso, e ante as “carencias importantes” que existen nesta materia, apostou por crear este centro público de I+D+i de almacenamento enerxético nunha “aposta estratéxica de país” que posibilite ao País avanzar e situarse á cabeza nun ámbito de actuación clave para afrontar a transición enerxética.