Ana Pontón propón aumentar en 250 M€ os fondos para investigación nos Orzamentos
Critica o “recortazo” de 100 M€ no Plan Galego de Investigación nas Contas para 2026 dun Rueda que xa deixou sen investir 220 M€ entre 2019 e 2024
Defende a creación dunha Rede galega de cooperación entre todos os axentes do sistema investigador que permita trazar liñas de traballo conxunto
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Sarria que o BNG vai presentar distintas emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026 co obxectivo de impulsar a investigación e a innovación en Galiza, a comezar por aumentar en 250 millóns de euros os fondos destinados ao Plan Galego de Investigación en 2026 e por incorporar un programa de consolidación da carreira investigadora.
Así o anunciou logo da visita que realizou en Sarria ás instalacións de Galimplant, empresa referente no ámbito da implantoloxía oral e da que salientou a súa capacidade innovadora e a súa aposta por producir en Galiza “desde o coñecemento”. Todo un exemplo, remarcou, da capacidade que ten o País para “innovar desde o medio rural”.
Pontón apuntou que esta é precisamente a liña na que hai que traballar e reafirmou o compromiso do Bloque para converter “o piar da innovación” nun elemento clave de desenvolvemento, fronte á falta de impulso e dilixencia por parte dun Goberno do PP incapaz de poñer en marcha políticas de innovación eficientes.
Neste sentido, recordou que nos últimos cinco anos, no período 2019-2024, o Executivo deixou sen executar 220 millóns de euros do Plan Galego de Investigación, ao que suma agora un “recortazo” de 100 millóns neste plan nos Orzamentos de 2026. “Isto quere dicir que Galiza, que xa está á cola en innovación, non ten o impulso que necesita por parte da Xunta”, sintetizou.
En contraposición aos recortes do Goberno de Alfonso Rueda, a líder nacionalista defendeu as alternativas do BNG para impulsar a I+D+i no País que defenderá a través das emendas ás Contas do próximo ano.
En primeiro lugar, propoñendo incrementar en 250 millóns de euros os recursos destinados ao Plan Galego de Investigación, desde o convencemento de que Galiza precisa un pacto galego pola ciencia con recursos suficientes e sostidos no tempo.
En segundo lugar, o Bloque proporá un programa de consolidación da carreira investigadora para dar estabilidade ao persoal investigador e para atraer talento. “Neste ámbito é fundamental acabar coa precariedade”, advertiu a portavoz nacional.
Por último, Pontón tamén avanzou unha terceira emenda aos Orzamentos para crear unha Rede galega de cooperación entre todos os axentes do sistema investigador galego, tanto empresas, como universidades, como Administración Pública, que permita trazar liñas de traballo conxunto.
“O que non podemos permitir é que Galiza estea á cola en innovación cando nós cremos que neste país hai talento, capacidade e empresas que poden situarnos como precisamente como un país punteiro neste ámbito”, concluíu.