Ana Pontón propón un acordo no Parlamento para avanzar en igualdade e defender pensións dignas

Ana Pontón
Ana Pontón

Unha axenda galega con medidas concretas nestes dous grandes ámbitos combatendo a fenda salarial, facilitar a conciliación e subir as pensións non contributivas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na súa comparecencia trala xunta de portavoces anunciou que o BNG proporá na vindeira sesión plenaria, “un acordo para avanzar na igualdade e na defensa dunha política social que inclúa  pensións dignas”.

A nacionalista explicou que nos últimos meses a axenda social está marcada pola cidadanía nas rúas que reclama avanzar cara unha igualdade real  e outra política social. Non estamos dispostas, dixo, a “sufrir os  recortes e   precariedade que nos impón o Partido popular”. Esta mensaxe clara de igualdade entre homes e mulleres e en defensa doutra política social, vén avalada polas multitudinarias manifestacións de mulleres, da sanidade, ou  das persoas pensionistas. “As mulleres queremos a igualdade XA” e sabemos que esta igualdade non se vai conseguir “nin con lazos lilas nin declaracións de intencións”. A defensa da igualdade, da sanidade e de pensións dignas non se pode despachar “cun tomamos nota”. Dende o BNG non confiamos nun Raxoi que cando lle preguntan pola brecha salarial responde, “non nos metamos en eso”.

Pontón estendeu as súas críticas a Feixóo que “menosprezou a convocatoria” da folga das mulleres e despois “oportunistamente” declara que apoia as mesmas reivindicacións de miles de mulleres nas rúas.

FEIXÓO E RAXOI COMERCIAIS DOS FONDOS PRIVADOS DE PENSIÓNS

A portavoz do BNG avanzou que no próximo pleno preguntará a Feixóo que vai facer tras a histórica mobilización do 8 de marzo e as reclamacións nas rúas por unha sanidade pública e pensións dignas. Queremos, dixo, medidas concretas e para iso imos propoñer “un acordo no Parlamento para defender as pensións” porque tanto Feixóo como Raxoi están facendo de “comerciais dos fondos privados de pensións”. Pontón lembrou que en Galiza as novas pensións xa teñen menor poder adquisitivo polo que o BNG proporá “derrogar todas as contrarreformas  laborais, un novo marco que recoñeza a xubilación aos 65 anos, que o cálculo para regular as pensións sexan os 15 anos escollidos pola persoa traballadora, que a pensión mínima  sexa incrementada no 60% do salario medio subindo as pensións ate 1.090€, actualizar as pensións en base á subida do IPC e que dentro das competencias da Xunta o goberno mova ficha para actuar sobre  pensións non contributivas”, nesta liña, afirmou que en Galiza 40.000 persoas perciben unha pensión non contributiva, “a maior parte mulleres”, cuns ingresos que as sitúan por debaixo do limiar da pobreza polo que propuxo pasar dos 370 euros a un incremento do complemento autonómico en 100 euros máis ao mes  que suporían para as arcas da Xunta, “40M€ ao ano”.

O BNG QUERE MEDIDAS CONCRETAS PARA AVANZAR EN IGUALDADE

No vindeiro pleno  comprobaremos  si de verdade o Partido popular e Feixóo tomaron nota do acontecido o 8 de marzo ou se todo vai ficar nun lazo lila nunha solapa polo que reclamamos o compromiso do Presidente da Xunta de que vai mover ficha. Isto, recalcou, Pontón, tradúcese “nunha lei de igualdade salarial, sancionar ás empresa que incumpran o principio de igual traballo igual salario,  e que a Xunta non contrate empresas sancionadas por vulnerar os dereitos fundamentais das mulleres traballadoras”.

Ademais apelou a “dar pasos reais” para que a conciliación non sexa unha carreira de obstáculos para as mulleres polo que o BNG proporá ampliar os permisos de maternidade e paternidade obrigatorios no mesmo espazo de tempo para evitar que a maternidade penalice sempre o desenvolvemento profesional das mulleres.

Pontón reiterou que “as mulleres non estamos dispostas a vivir nun mundo desigual” e durante 9 anos de crise “as que máis perdemos fomos nós”.

Finalmente, a portavoz do BNG aludiu á contrarreforma da lei de Sanidade que será debatida na Cámara galega e preguntou se Feixóo que afirmou “tomar nota” despois das multitudinarias manifestacións do 8M, tamén tomará nota das grandes  protestas sociais contra o desmantelamento das áreas sanitarias da Mariña, Monforte, Valdeorras ou o Salnés. Pontón lamentou a falta de dialogo do Partido popular ao aceptar só unha emenda do BNG á nova Lei de sanidade tras presentar un total de 21. O PP sigue adiante cunha contrarreforma demostrando que goberna dende “a soberbia e o despotismo”, despotismo, ironizou ilustrado ou non pero que mostra “moi poucas luces”. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG