Municipais 2023

Ana Pontón presenta a Sonia Vidal como a alcaldesa “capaz de facer de Xunqueira de Ambía un novo Allariz tras o 28M”

Acto Xunqueira de Ambía
Acto Xunqueira de Ambía

O BNG ten proxecto para construír un concello con servizos públicos, benestar social, dinamismo e capaz de mellorar a vida dos e das veciñas

Tamén visitou Baños de Molgas, onde mantivo un encontro co actual rexedor e co resto da candidatura do Bloque de cara ás eleccións locais

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Xunqueira de Ambía para presentar á candidata do BNG á Alcaldía, Sonia Vidal, “a próxima alcaldesa deste concello porque ten capacidade, liderado e equipo cun proxecto para darlle a Xunqueira un futuro de ilusión e de esperanza”, salientou, convencida de que terán un resultado histórico tras o 28M.

“É o momento de abrir ese tempo novo en Xunqueira de Ambía, o momento de que se sume aos concellos BNG como Baños de Molgas, como Allariz, concellos que prosperan, que avanzan, que destacan pola súa vitalidade, porque están activos no económico, no social, no cultural. O BNG quere facer de Xunqueira de Ambía un novo Allariz”, proclamou Pontón.

O que significa unha vila con todos os servizos públicos,  con benestar social,  que pon as persoas no centro; que coida o medio ambiente, que rehabilita e pon en valor o patrimonio histórico-artístico extraordinario deste municipio. Un concello que xera riqueza e emprego, que gana poboación. “Ese é o Xuqueira de Ambía que queremos construír a partir do 28M”, sintetizou a líder do Bloque.

Pontón destacou que Allariz antes da chegada do BNG era unha vila decadente, igual que hoxe Xunqueira. “Pero agora é a envexa de Ourense, un referente municipal dentro e fora de Galiza, exemplo do modelo municipal de éxito do BNG  que queremos poñer en marcha en Xunqueira da man da nosa candidata e futura alcaldesa e todos os compañeiros e compañeiras de candidatura”.

Acto Xunqueira de Ambía
Acto Xunqueira de Ambía

Amosouse totalmente confianda en que a candidatura que encabeza Vidal vai ter un resultado histórico, porque “Sonia ten capacidade, liderado e equipo e porque ten un proxecto cheo de ideas e propostas para facer de Xunqueira un lugar no que vivir e traballar, con benestar social, con orgullo de concello e para darlle un futuro mellor a este municipio, por iso teño a certaza de que vai contar co apoio maioritario da veciñanza na cita coas urnas”, argumentou.

Pontón puxo como aval o modelo municipal de éxito do Bloque, un modelo que funciona, referente de bo facer en toda Galiza. “Sabemos converter os concellos lugares fermosos, alegres e prósperos, escoitando, actuando, traballando en común cun único obxectivo: mellorar a vida das veciñas e dos veciños, facer de Xunqueira un concello no que as persoas poidan desenvolver os seus soños, coidar os seus fillos e fillas, ter un traballo, desfrutar de servizos públicos propios do século XXI”, recalcou.

“Baixo o teu liderado, Sonia, ides abrir un tempo novo en Xunqueira de Ambía”, recalcou, subliñando que  a veciñanza precisa un concello que escoite e que non mire para outro lado, “precisa máis democracia na súa xestión municipal, portas abertas, contacto coas persoas, necesita máis dereitos, servizos públicos de calidade”.

Por iso, o BNG, traballará por un concello conectado co mundo coa tecnoloxía actual, promovendo espazos públicos ordenados e humanizados; nos que a veciñanza poida encontrarse e socializar; por unha vila limpa e ordenada,  no que os nenos e as nenas poidan xogar nun entorno coidado, de calidade, pensado para o seu divertimento. “Un concello no que a veciñanza socialice e non se sinta soa, illada e abandonada”, destacou.

Visita a Baños de Molgas

“Sei que saídes a por todas e que, despois do 28M, este concello vai ter un goberno  capaz de facer unha gran revolución para mellorar a vida da xente. Sonia como alcaldesa, co seu equipo, vai darlle a este municipio o que realmente merece, poñendo en marcha o modelo municipal do BNG. Ides converter Xunqueira nun novo Allariz”, concluíu, porque o Bloque representa “o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”.

Previa á celebración do acto de Xunqueira de Ambía, Pontón visitou Baños de Molgas, onde mantivo un encontro co actual rexedor e candito á Alcaldía, Xaime Iglesias, e co resto dos integrantes da candidatura de cara ás eleccións locais. Da man do alcalde, a líder do Bloque coñeceu os principais proxectos desenvolvidos polo equipo de goberno no municipio durante este mandato,  así como as principais propostas de futuro coas que Iglesias e o seu equipo volverán pedir a confianza da veciñanza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG