municipais 2027

Ana Pontón presenta a Lucía Santos como a alcaldesa capaz de facer que Marín avance e xere novas oportunidades de futuro

Presentación candidata Marín

O BNG vai a por todas porque temos a mellor candidata e un proxecto transformador que é a mellor alternativa para este concello, alega

Prioridades da candidata: abrir Marín ao mar para dinamizar o municipio, vivenda, frear a perda de poboación e mellorar os servizos sociais

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Lucía Santos como candidata do BNG á Alcaldía de Marín nas eleccións municipais de maio de 2027, convencida de que Santos é a alcaldesa capaz de facer que Marín avance e xere novas oportunidades de futuro.

“Imos a por todas nas próximas eleccións municipais, queremos que Lucía Santos sexa a próxima alcaldesa de Marín e facémolo coa forza que nos dá ter un proxecto ilusionante e transformador e coa convicción de que temos a mellor alternativa para este concello”, remarcou.

A líder nacionalista destacou a experiencia, a capacidade e o coñecemento dunha candidata da que dixo “leva Marín na súa cabeza e no seu corazón” e que ten a forza e a ilusión necesarias para levar a cabo o cambio que necesita o municipio.

“Sabemos que da súa man podemos abrir Marín ao mar e podemos conseguir que este concello xere novas oportunidades”, afondou Pontón, quen subliñou que o BNG non só ten a mellor candidata, senón tamén un proxecto que conta co aval do seu modelo municipal de éxito.

Un modelo municipal que transforma en positivo e que exemplificou no concello de Pontevedra que, despois de tantos anos de goberno do Bloque, “avanza, progresa, gaña dinamismo económico e poboación”, o que contrapuxo a Marín, municipio no que “decrece a poboación e no que a xente no ve expectativas”.

“Nós o que queremos é que Marín non quede atrás, senón que avance da man das ideas e dos proxectos transformadores que ten o BNG”, concluíu.

Pola súa parte, Lucía Santos subliñou a ilusión coa que o BNG afronta en Marín as próximas eleccións municipais, coa tranquilidade ademais do “traballo ben feito” que leva realizando “desde o primeiro día desta lexislatura”.

A candidata adiantou que o proxecto do Bloque para o concello inclúe propostas importantes en materia de vivenda, para frear “a perda de poboación constante que leva padecendo Marín desde a chegada ao goberno municipal do PP” e tamén para mellorar os servizos sociais e dar resposta á falta de aparcamentos.

De entre as propostas para facer que o concello avance, Santos destacou o proxecto para “abrir Marín ao mar”, unha iniciativa “moi ambiciosa e moi necesaria” e que cualificou da “máis importante durante décadas” para transformar o urbanismo do municipio e que contribuirá á súa dinamización socioeconómica.

Unha iniciativa para cuxo desenvolvemento o BNG xa conseguir dar un paso adiante moi importante coa súa aprobación no Congreso e que, remarcou, a formación nacionalista non vai parar “até que se converta nunha realidade porque é o que Marín precisa”. 

“Desde o BNG presentámonos ás vindeiras eleccións municipais cun proxecto serio, definido e consolidado e aportando as solucións necesarias para construír un novo Marín que mellore o benestar de toda a nosa veciñanza”, concluíu.