Ana Pontón pide á Xunta un fondo extraordinario para ampliar a 100 metros as faixas de protección dos núcleos poboacionais ante os lumes

Ana Pontón visita Quiroga e A Pobra do Brollón

Visita as zonas afectadas en Quiroga e A Pobra do Brollón e urxe aumentar as axudas e un cambio do modelo forestal fracasado do Goberno do PP 

Acusa ao Executivo de Rueda de desmantelar as políticas de loita contra os incendios e critica que deixara sen executar 11 M€ en prevención este ano

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse esta tarde aos concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón para avaliar de primeira man o impacto da vaga de incendios do pasado mes de agosto, unha “auténtica catástrofe ambiental, social e económica” que, recalcou, “ten que ser un punto de inflexión para que algo así non volva suceder”.

Pontón explicou algunhas das máis de 50 medidas concretas que, precisamente co obxectivo de evitar que se repitan as vagas de lumes e darlle futuro ao rural, presentou o goberno alternativo do BNG no seu plan integral ‘Da cinza á Vida’. Entre elas, destacou a necesidade de aumentar a 100 metros as faixas de protección a vivendas e núcleos de poboación, para o que propuxo a creación dun fondo extraordinario por parte da Xunta que garante a súa execución.

“É fundamental que protexamos mellor as vivendas”, salientou logo de percorrer parte das zonas afectadas xunto ao alcalde da Pobra do Brollon, Xosé Luís Maceda; o segundo tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández; a deputada Montserrat Valcárcel e os deputados Secundino Fernández e Iago Suárez; o deputado provincial Daniel García e responsables políticos da comarca.

En segundo lugar, apostou por desenvolver cambios estruturais que eviten que “unha traxedia así volva a suceder nunca máis” e ir a un novo modelo de ordenación forestal. “Non podemos seguir vendo especies pirófitas nunha cantidade moi importante que dificultan a loita conta os lumes”, advertiu para defender a continuación unha ordenación do monte en mosaico, con zonas libres de madeira e onde haxa outros usos. “Esa é a única garantía de futuro de que vamos estar protexidos contra os lumes, que cada vez son máis virulentos no medio deste cambio climático”, subliñou.

Por último, entre as medidas propostas polo BNG, tamén defendeu a urxencia de axudar ás persoas que perderon a súa vivenda ou sufriron perdas económicas ao longo dos últimos días e, neste sentido, considerou “insuficientes” as axudas da Xunta, das que dixo ademais “non están ben adaptadas ás necesidades que estamos detectando”.

Por iso, avanzou que o Bloque vai solicitar que se incrementen as axudas para a recuperación de vivendas até os 200.000 euros, a creación dunha nova de 6.000 euros para que as persoas autónomas poidan facerlle fronte a gastos de difícil xustificación e o recoñecemento do lucro cesante porque senón, afondou, “unha parte das explotacións que hoxe están funcionando poden non facelo no futuro”.

A líder nacionalista tamén reclamou ao Goberno de Alfonso Rueda que “recoñeza os seus erros”, a comezar polo “desmantelamento durante 16 anos de moitas das políticas que había na loita contra os incendios”, chegando mesmo no ano 2012 a reducir as faixas de protección a vivendas e deixando sen dotación moitos dos medios necesarios e moitas das medidas que tiñan que ser postas en marcha.

A líder nacionalista exemplificou o desleixo do PP na protección do territorio e as persoas fronte aos lumes no feito de que este mesmo ano deixou sen executar 11 millóns de euros en prevención, por certo, unha parte deles, destinados precisamente ás faixas de protección a vivendas en zonas de máximo risco.  

“Esta situación o que nos debe levar é a outro tipo de políticas”, remarcou para concluír reiterando tal e como xa anunciara que o BNG exixirá responsabilidades políticas ao Goberno de Rueda pola súa neglixente xestión desta vaga de incendios.