xerais 2023

Ana Pontón pide á implicación masiva da mocidade o 23X a favor dunha Galiza sen a precariedade e a emigración que deixa o PP

Acto mocidade
Acto mocidade

Insta á xente nova a encher as urnas coa papeleta do BNG para defender o dereito a vivir e traballar nunha Galiza “tolerante, inclusiva e diversa”

Da Silva: "Para o BNG a mocidade non é un mero caladoiro de votos senón parte activa do cambio para facerse valer Galiza en Madrid"

Daniel Castro ve clave que a xente nova participe en política para defender o que lles importa: dereito a vivenda e un traballo digno sen ter que emigrar

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento para que a xente moza se mobilice masivamente o 23X apoiando ao BNG para loitar tamén desde Madrid por unha Galiza na que a mocidade poida vivir e traballar fronte á precariedade e a emigración que deixa o PP neste País.

“Tende por seguro que o BNG non lle vai fallar á xente moza, nin á hora de defender ante Madrid unha Galiza con futuro e oportunidades, nin á hora de pararlle os pés a esa dereita ultra de ganchente coa extrema dereita que vos quere levar cara atrás”, proclamou durante un acto con xente moza en Pontevedra,  no que tamén participaron a cabeza de lista por esa provincia, Carme da Silva e candidato por Lugo, Daniel Castro.

Fronte ás forzas estatais que só se acordan da  xente nova en campaña “pero que cando gobernan esquécense ou traballan directamente con contra dos seus intereses”, o Bloque vaise “deixarse a pel”, dixo Pontón, para “pelexar por unha Galiza na que teñades futuro e poidades desenvolver os vosos proxectos de vida, para acabar coa emigración, por uns servicios públicos de calidade e por unha política pública de vivenda que poña no centro as necesidades da xente nova”, proclamou.

“Hoxe vemos como en Galiza a alternativa para miles de mozos e mozas é elixir entre a precariedade ou a emigración”, denunciou, recordando que “nos últimos catorce anos tiveron que coller a maleta 200.000 galegos e galegas menores de 34 anos” empurrados polas políticas do Goberno do PP, incluído o do agora candidato Feijóo. 

Acto mocidade
Acto mocidade

A líder do BNG referiuse as nefastas consecuencias das políticas do PP que deixan unha Galiza cunha taxa de emancipación xuvenil máis baixas do Estado, na que o acceso a unha vivenda en aluguer é “misión imposible” para miles de mozos e mozas, mentres o PP dinamitou a política pública de vivenda. “Hoxe os alugueres son inadsubmibles para a maior parte da mocidade, pero non hai unha alternativa de vivenda pública”, denunciou.

Para mudar esta situación, Pontón pediu a mobilización e o apoio da xente nova: “Sodes imprescindibles para conseguir, da man do BNG, un grupo galego forte no Congreso que loite por vós”, insistiu ante a mocidade que participou no charla coloquio e posterior vermú.  “O PP pasou olimpicamente dos problemas da xente moza, mirou para outro lado mentres moitos tiñan que coller as maletas, e claramente favoreceu a privatización dos servizos públicos, como o ensino e a sanidade”, denunciou.

De feito, en materia de sanidade, Pontón fixo especial fincapé nos problemas de saúde mental que afectan e preocupan á xente nova. “Galiza está na parte alta en problemas de saúde mental, pero está abaixo na atención da xente, e por iso hai 10.000 galegos esperando por unha primeira consulta en psiquiatría”, apuntou, tras lembrar que Galiza ten a segunda taxa de suicidios máis alta do Estado e está nos primeiros postos en canto a consumo de psicofármacos.

A líder nacionalista apelou ao “orgullo de ser galegos e galegas” e pediu a mobilización da xuventude “ao longo e ancho do País”, “para encher as urnas” coa papeleta do BNG para que ese grupo forte, con deputados e deputadas por A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, loite no Congreso por unha Galiza “tolerante e inclusiva que rexeita o discurso do odio e da intolerancia que medra da man dunha dereita cada vez máis ultra e dunha extrema dereita racista, machista, xenófoba e profundamente antigalega ”.

“Non imos permitir o regreso a tempos escuros”, concluíu.

Reclamar as vivendas da Sareb

A candidata por Pontevedra Carme da Silva destacou que “para o BNG a mocidade non é un simple caladoiro de votos, senón parte activa do cambio”, ao tempo que fixo un chamamento a cambiar a idea de que a xente nova é só futuro. “É o presente do país”, recalcou. 

En materia de educación  Da Silva defendeu a transferencia da xestión das bolsas para a súa xestión directa desde Galiza. No que se refire á vivenda, avogou por unha acción pública contundente que neutralice a especulación do mercado e reclamou o traspaso dos inmobles da Sareb para incorporalos á unha bolsa pública de alugueiro. O emprego foi o terceiro bloque no que incidiu Da Silva, que anticipou que o Bloque defenderá en Madrid axudas directas para a incorporación ao sector primario, e actuacións para o retorno da xente moza emigrada, en particular para recuperar “o talento científico e investigado emigrado”.

As copas máis baratas en Madrid

O cabeza de lista por Lugo, Daniel Castro, destacou a importancia de que a mocidade “tamén faga política” e subliñou o papel que se lle da no BNG á participación da xente nova, como demostra coa súa propia elección a ser o deputado por Lugo no Congreso tras o 23X. Fronte a iso, un PP que o que lle anuncia á mocidade é “copas máis baratas en Madrid por afiliarse a súa organización xuvenil, que se hai que falar de copas se fala, pero penso que o que nos importa é a vivenda, ter traballo, poder formar os nosos proxectos de vida aquí sen ten que emigrar, esas cousiñas”, ironizou.

Castro pediu o apoio da xuventude galega para conseguir un grupo galego forte para facer valer a mocidade deste País tamén alí onde se toman decisións que afectan directamente a vida da xente nova.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG