A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que tome medidas para garantir que o esforzo realizado polos galegos e polas galegas ao longo dos últimos meses, -que está permitindo superar a cuarta onda con cifras moderadas de contaxios-, se bote pola borda coa chegada de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de incidencia superior ao de Galiza.
Neste sentido, Pontón subliña a incoherencia de que se peche perimentralmente cinco concellos galegos con índice superior a 500 pero poidan entrar a Galiza cidadáns de concellos doutras CCAA con ese nivel de contaxios ou superior. “Sería unha incoherencia que non se poda viaxar de Padrón a Santiago, pero podar vir cidadáns de Madrid ou de Euskadi”, alegou.
Por iso, demanda a Feixóo que solicite ante o TSXG o peche perimetral de Galiza con aqueles territorios cun nivel de risco por riba da media galega, é dicir, de 150 contaxios por cada 100.000 habitantes a 14 días, ratio que, segundo explicou o propio xefe do Executivo, é no que se atopa a inmensa maioría dos concellos e da poboación.
Pontón tamén considera que non ten ningunha xustificación a discriminación horaria de bares e cafeterías con restaurantes, e propón o mesmo horario de apertura e peche para todos os establecementos dun sector “que ten demostrado unha enorme responsabilidade ao longo da pandemia ademais de ser un dos máis impactados pola crise”.
Finalmente, a líder do Bloque critica que a 48 horas de que finalice o estado de alarma, cuestión que era coñecida desde fai un mes, o Goberno do PP aínda non teña aprobado o decreto coas medidas que van regular a desescalada. Unha práctica habitual no Executivo de Feixóo ao longo dos 14 meses de pandemia, a de anunciar medidas que despois se plasman “in extremis” no DOG, co prexuízo que iso supón para os sectores económicos que se ben afectados por aspectos da normativa.
Unha improvisación que é aínda máis negativa nun contexto no que desaparece o estado de alarma e, polo tanto, moitas cuestións van quedar ao arbitro xudicial co que iso implica de incerteza. Pontón pide os galegos e galegas que sigan dando o mesmo exemplo de responsabilidade que até agora, porque mentres non se consiga un nivel de vacinación superior ao 70% extremar as precaucións e coidar uns de outros segue a ser fundamental.