Ana Pontón pide a Feixóo menos soberbia e deixar atrás os recortes e as privatizacións na sanidade pública

Propón 200 millóns de euros adicionais para atención primaria e un plan de estabilidade do emprego no sistema de saúde cubrindo as 5.000 prazas vacantes

Ve necesario o cese de Almuíña para mudar unha política que ten en pé de guerra a profesionais e usuari@s, “non para salvarse vostede”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para trasladar ao Parlamento a situación da sanidade pública votando man dos argumentos e das denuncias tanto dos profesionais como dos usuarios do sistema público de saúde, instando a Feixóo a abandonar a estratexia de recortes e privatizacións “que o ten convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”.

Pontón instou ao xefe do Executivo a apearse da súa “soberbia” e escoitar o clamor dos profesionais e das persoas doentes que piden un cambio de rumbo, formulando  unha dobre proposta: Plan de mellora de atención primaria con 200 millóns de euros adicionais e un plan de estabilidade aos profesionais para cubrir as 5.000 prazas vacantes.

“Cando hai un problema, a resposta do presidente da Xunta non pode ser difamar e desprezar aos profesionais e aos usuarios da sanidade pública desde a soberbia”, salientou a dirixente nacionalista, quen instou a Feixóo a deixar atrás o papel de “gran privatizador e recortador da sanidade sobre todo en atención primaria, que soporta un recorte acumulado de 2.000 M€ e hoxe ten 180 M€ menos que cando chegou á Presidencia”.

Pontón instou ao presidente galego a mudar “a súa folla de servizos”, e para iso non chega con mudar ao conselleiro de Sanidade se continúa coa mesma política que ten en pé de guerra a profesionais e doentes.

“É evidente que o señor Almuíña non pode seguir nin un minuto máis no se cargo porque non o está facendo ben, é máis, estou segura que está calculando cal é o mellor momento para servir a súa cabeza en bandexa de prata para salvarse vostede. Pero isto non servirá de nada se non se acaban os recortes e as privatización”, alegou.

A líder do Bloque quixo facer un recoñecemento a todas as persoas “que están a dar a cara pola sanidade pública” botando man das declaracións e das denuncias dos traballadores e traballadoras e das persoas usuarias do sistema público de saúde. Empezando pola diagnose dos xefes e xefas de servizo dimitidas en bloque, advertindo da sobrecarga que mingua a calidade asistencial.

“Un dos principais problemas é a carga asistencial que soportamos porque non se cobren as baixas e a presión é terrorífica. Cando chegamos pola mañá non sabemos se teremos que atender a vinte ou a corenta persoas. Dedicarlles dez minutos a cada unha é un soño que case nunca se cumpre. Conclusión: Estamos poñendo en risco a vida dos nosos doentes. Unha poboación que non ten unha boa atención será unha poboación enferma”, citou Pontón remedando as denuncias feitas públicas por estes profesionais.

A mentira da falta de médic@s

“É mentira que non haxa médic@s. Cada vez que hai ofertas públicas preséntanse máis candidatos e candidatas que prazas”, declarou Pontón recollendo as palabras dos xefes e xefas de servizo de atención primaria da área sanitaria de Vigo. “Desde 2012 levamos alertando á Xunta das consecuencias da política de recortes sen ningún avance, sen ningunha resposta. Até agora organizamos as carencias da sanidade, pero non se pode organizar a miseria”, afondou.

Tamén tomou prestadas as declaracións en sede parlamentaria do médico de familia, Eduardo Díaz, sobre a situación dos puntos de atención continuada.

“Hai veces que temos que deixar o noso PAC sen persoal sanitario para ir atender unha urxencia noutro PAC, porque caeu un doente inconsciente na sala de espera, como sucedeu no caso tráxico da Estrada. Isto é frecuente? Si. Detectamos algunha proposta -aparte dos parches- para buscar solucións? A resposta é non”.

127 doentes nunha garda

“Hai cousas que son irrebatibles. Eu tiven que atender 127 doentes nunha garda e foi un día normal do verán. Hai outra cuestión irrebatible: Non pode morrer unha persoa nun centro de saúde por falta de persoal sanitario”, resumiu Pontón as palabras deste profesional.

Tamén utilizou as denuncias do persoal e usuarios do servizo de urxencias do CHUS na súa interpelación a Feixóo. “O grao de deterioro das urxencias alcanza límites alarmantes e a falta de camas solucionase colocándonos os doentes nos corredores ou agardando durante horas a que nos atendan”. E dos nenos e nenas que non teñen servizo de pediatría non seu centro de saúde: “Temos que pasar horas en desprazamentos e nas salas de espera dos centros de saúde para que nos atenda a pediatra”, reclamaban publicamente nas localidades de Hio e Aldán.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG