balanzo dun ano de pandemia

Ana Pontón pide estar á altura do esforzo da cidadanía acertando nas decisións para saír da crise e construír a Galiza do futuro

Destaca o traballo leal e construtivo do BNG con propostas e alternativas para que da crise emerxa a Galiza ecolóxica, científica, social e feminista

Prioridades: impulsar un novo modelo económico, reforzar a sanidade e deseñar un sistema de coidados que prime a vida das persoas

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo balance dun ano de pandemia que aproveitou para poñer en valor a actitude exemplar do pobo galego, o que sitúa aos responsables políticos na obriga de estar a altura, cada quen desde a súa responsabilidade, e de acertar á hora de dar unha resposta que permita non só saír da crise senón sentar as bases do desenvolvemento da Galiza das próximas décadas.

“A miña admiración e recoñecemento á sociedade galega polo exemplo de solidariedade, compromiso e sacrificio polo ben común neste ano, demostrando que somos un gran pobo con capacidade para poñer o colectivo por diante do individual”, sintetizou Pontón.

Nese recoñecemento fixo especial mención a todas as persoas que traballaron en sectores que resultaron imprescindibles non combate contra a COVID, en particular na sanidade, nos coidados, nos servizos esenciais, “orgullo e agradecemento infinitos para con todas elas”, recalcou, tras enviar unha mensaxe de “solidariedade, comprensión e afecto” as persoas afectadas polo virus e moi en concreto ás que perderon a un ser querido.

“Desde O BNG intentamos aportar o noso grao de area, con humildade, aprendendo dos galegos e das galegas, non quero dicir que acertásemos sempre, pero todo o que fixemos e facemos foi co ánimo de arrimar o ombro e tendendo a man para poñer Galiza por diante cun traballo construtivo polo País”, destacou.

Pontón non quixo centrar o balance nos erros cometidos polo Goberno de Feixóo, a quen atribúe unha xestión marcada pola improvisación, pola incapacidade de anticiparse e con mínima permeabilidade a aprender dos erros, como se viu na terceira onda, senón que optou por centrarse no que queda por facer.

“Precisamente polo sacrificio da cidadanía, temos a obriga de conseguir que a saída da crise non se limite a volver a vella normalidade senón conseguir que tras a pandemia emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”, explicou a líder nacionalista.

E para iso, argumentou, “temos que actuar con intelixencia e tendo clara a folla de ruta para aproveitar os fondos europeos de recuperación, -os únicos extraordinarios-, dos que o BNG propón mobilizar 14.800 M€ a través do seu programa Xerar Futuro, Galiza Next, para sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas e para consolidar un modelo sanitario e de coidados que coloque as persoas no centro”.

“Non podemos perder este tren”, recalcou, para afrontar os retos que xa estaban aquí e que a pandemia non fixo máis que acelerar: transición ecolóxica e ambiental;  transformación tecnolóxica e dixital, a transición a un modelo económico verde baseado na ciencia e na investigación, a saúde e os coidados das persoas como piar dunha sociedade xusta e inclusiva, a igualdade de xénero que garanta o dereito das mulleres a vivir libres e iguais.

Incapacidade para defender Galiza

“E lamentablemente non vemos nada disto e por iso a preocupación do BNG ante a falta de rumbo do Goberno de Feixóo, incapaz de traer ao Parlamento a proposta para aproveitar os fondos Next Generation, máis aló dun puñado de proxectos vinculados a grandes multinacionais pero sen capacidade para vertebrar o tecido produtivo e preparalo para un escenario alterado pola pandemia”, denunciou.

Pontón tamén criticou a “evidente” incapacidade que está demostrando o xefe do Executivo para defender Galiza ante o Goberno do Estado, como constatou o recente encontro co ministro de Fomento, ou que a pesar da pandemia nada fixo por reforzar o sistema sanitario ou para deseñar un novo modelo de coidados das persoas maiores.

“Estas son as cuestións que preocupan ao BNG facendo balance deste ano de pandemia e ás que queremos darlle resposta con propostas, con alternativas e cunha folla de ruta como a que deseñamos no documento Xerar Futuro, Galiza Next”, concluíu.