Ana Pontón pide coordinación entre Xunta e Santiago na loita contra o alugueiro ilegal de pisos turísticos
Propón avanzar nun turismo “con menos pegada ecolóxica e máis rendibilidade económica” na visita á Asociación de Hostalería de Santiago
Café-coloquio con mulleres composteláns de diferentes colectivos e sectores para analizar os problemas das emprendedoras en Compostela
A portavoz nacional, Ana Pontón, considera necesaria un maior diálogo e coordinación entre a Xunta e o Concello para combater o alugueiro ilegal de pisos turísticos en Santiago, que implica non só unha competencia desleal co sector hostaleiro senón tamén unha fraude fiscal cuantificada en 9 millóns de euros.
Na visita á Asociación de Hostalería de Santiago, onde mantivo un encontro coa equipa directiva, a dirixente do Bloque propuxo reforzar a coordinación “entre todas as administracións con competencias en turismo”, coordinación e diálogo que cualificou de “peza básica para establecer estratexias e poñer en marcha solucións aos problemas que afectan ao sector da hostalería”, como a precariedade dunha parte do sector, a estacionalidade e a competencia ilegal en materia de aloxamento por pisos turísticos non declarados.
Pontón, que instou a escoitar máis ao sector, tamén advertiu dunha segunda consecuencia derivada dos alugueiros ilegais como é a perda de poboación do casco histórico de Compostela ante os prezos e falta de vivenda para alugar fora do uso turístico. “É evidente que o turismo ten que ter o seu espazo no casco vello, como sempre tivo, pero non podemos expulsar a residentes porque esa poboación residente é precisamente a que lle permite dar autenticidade e vitalidade ao centro histórico”, argumentou.
Na visita á Asociación de Hostalería de Santiago, Pontón salientou que se trata dun sector “clave” para Compostela porque a hostalería e todo o relacionado co turismo “é un dos motores económicos da cidade”, polo que é preciso traballar man a man administracións e sector para conseguir un turismo desestacionalizado e de calidade, que deixe máis recursos no país.
“Santiago ten todos os recursos para facer unha aposta polo turismo de calidade e sostible porque temos patrimonio cultural material e inmaterial, unha gastronomía moi potente e grandes profesionais que son un activo máis para crear riqueza para avanzar cara un turismo que deixe unha menor pegada ecolóxica e unha maior rendibilidade económica”, recalcou.
No encontro coa directiva da asociación nas súas instalacións formativas tamén participaron os concelleiros nacionalistas en Santiago, Rubén Cela e Goretti Sanmartín, así como os responsables locais e comarcais do BNG. Previamente, Pontón participou nun café-debate cun nutrido grupo de mulleres que desenvolven proxectos económicos e sociais en Compostela, para analizar as dificultades que teñen que afrontar.