Ana Pontón pide axilizar o dragado da Ría do Burgo “porque xa abonda de promesas incumpridas”
- Lembra a iniciativa do BNG aprobada por unanimidade no Parlamento para axilizar as obras de rexeneración integral deste ecosistema
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Ría do Burgo para esixir a inmediata rexeneración integral deste ecosistema, despois de que esta mesma semana o pleno do Parlamento aprobase unha proposta da formación nacionalista para axilizar a tramitación do proxecto e iniciar o dragado da Ría este mesmo ano.
“Basta xa de promesas incumpridas, a veciñanza, os mariscadores e as mariscadoras están fartas de anuncios, o que queren e ver as máquinas quitando lodos dunha vez por todas, recuperar a riqueza ambiental e produtiva dunha ría que debe volver ser a fonte de creación de emprego que foi no pasado”, salientou Pontón.
Igualmente, o BNG demanda axudas para as persoas afectadas pola inactividade mentres duren as obras de rexeneración, protexer o ecosistema durante o dragado, un plan de vixilancia e control exhaustivo da calidade das augas e crear unha comisión de seguimento integrada pola administracións, UdC e axentes implicados.
A formación nacionalista propón a restauración ambiental integral do entorno que se traduza nun corredor ecolóxico entre o encoro de Cecebre e o mar, así como a elaboración dun plan de usos da ría que permita a súa utilización sustentable compatibilizando as funcións ecolóxica, económica e social.