Ana Pontón pide unha Axenda do Litoral para reforzar a soberanía mariña de Galiza
Contrapón o plan integral do BNG á “propaganda estéril” dun Rueda que prepara no litoral “un pelotazo para favorecer as empresas amigas”
Aposta por unha xestión integrada en gobernanza compartida cos concellos costeiros e por blindar a función ecolóxica e produtiva das rías
Crear un organismo para a adquisición e xestión de terreos e bens no litoral e un plan director do patrimonio cultural, entre as propostas
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou no cumio de concellos costeiros do BNG celebrado en Cangas a Axenda Galega do Litoral, unha ambiciosa proposta para que Galiza “tome o temón” do seu mar e da súa costa, fronte á “política estéril” dun Alfonso Rueda que, advertiu, está preparando no litoral “un pelotazo para favorecer as empresas amigas”.
Pontón trasladou así a preocupación do Bloque ante a actitude dun Goberno do PP “instalado na propaganda estéril para tentar tapar a súa axenda oculta no litoral”, que pasa por pretender utilizar as competencias recentemente transferidas neste ámbito de actuación “para blindar usos e actividades industriais contaminantes como Ence” ou para promover “actuacións de carácter especulativo” que ameazan o litoral galego.
“Vemos como Rueda está preparando un auténtico pelotazo para favorecer as empresas amigas”, denunciou logo de apuntar como exemplo a intención do seu Executivo de converter bens patrimoniais costeiros en establecementos hoteleiros “sen contar coa opinión dos concellos e da propia sociedade”.
Pontón tamén criticou ao Goberno do PP que exclúa aos concellos da xestión do litoral “cando teñen importantes intereses neste ámbito” e reprobou a súa aposta pola eólica mariña, coa que antepón os intereses do lobby eléctrico aos das miles de familias que dependen da actividade pesqueira.
Así o recalcou no encontro que, baixo o lema ‘O noso mar, o noso futuro’, desenvolveu o BNG en Cangas con alcaldes, alcaldesas e portavoces municipais de concellos costeiros de todo o País para analizar o impacto da transferencia a Galiza da xestión do litoral.
Fronte á “propaganda” dos populares, incapaces de extraer máis propostas do seu cumio do litoral que o anuncio de “aumentar a tempada de chiringuitos”, a líder nacionalista defendeu a Axenda Galega do Litoral presentada polo BNG, unha proposta integral que parte de asumir todas as competencias vinculadas ao mar e á costa en “cogobernanza cos concellos” para promover “un desenvolvemento equilibrado tanto no ámbito económico, como no ecolóxico e social”.
“Queremos gobernar o noso mar e a nosa costa para convertelos nun gran motor de desenvolvemento económico, de calidade de vida e benestar e tamén para facer unha xestión que sexa respectuosa co noso medio”, subliñou, para detallar a continuación as dez liñas de actuación incluídas nesta axenda integral.
A primeira, que Galiza teña a “gobernanza integral” do seu litoral, o que pasa por reclamar e xestionar todas as competencias relacionadas coa costa e o mar e entre as que se atopan as relativas a Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña, Centros de Investigación Oceanográfica, ISM, Capitanías Marinas ou servizos meteorolóxicos.
En segundo lugar, o Bloque aposta por unha xestión na que se inclúa a participación dos concellos costeiros nos órganos de ordenación e xestión do litoral. “Cremos que a xestión do litoral pasa por contar coas entidades locais, cos 86 concellos costeiros nos que viven máis de un millón e medio de persoas”, subliñou, logo de lembrar que hai comarcas como A Mariña, O Morrazo ou Muros nas que a dependencia do sector pesqueiro é especialmente relevante ou concellos que literalmente non se entenden sen as actividades vinculadas ao mar, como Ribeira, Camariñas ou A Pobra.
Neste sentido, tamén recalcou que a actividade produtiva e da cadea mar-industria factura 8.800 millóns de euros, o que a converten no cuarto sector máis importante da economía galega por volume de negocio (o 5% do PIB) e que en termos de emprego, Galiza ten o 50% do emprego marítimo pesqueiro do Estado e o 10% da UE.
A pesca e o marisqueo por diante da mina de Touro, de Altri ou de Ence
Tendo en conta este contexto socioeconómico, a terceira proposta do BNG pasa por “blindar a función ecolóxica e produtiva das rías”, primando as actividades produtivas tradicionais (pesca, marisqueo e acuicultura extensiva) fronte as “actividades contaminantes e agresivas” como a macrominería ou as macrocelulosas. “Por dicilo dunha maneira moi gráfica, para o BNG o sector pesqueiro e marisqueiro teñen que estar por diante da mina de Touro, de Altri ou de Ence”, exemplificou.
Pontón aglutinou na súa intervención tres medidas máis: a transferencia aos concellos da xestión dos equipamentos e terreos que están integrados na trama e nas actividades urbanas; un plan integral para o saneamento e a depuración de augas costeiras e das rías; e a busca de alternativas para as dragaxes portuarias que eviten o uso do mar como vertedoiro de residuos.
Ademais, apostou por analizar os efectos do cambio climático no mar e na costa en colaboración coas universidades galegas e, neste sentido, considerou “clave” desenvolver un plan, cun cronograma de execución, para o traslado das instalacións e equipamentos que non precisan estar na zona de dominio público marítimo terrestre ou na zona de servidume.
No decálogo da Axenda Galega do Litoral tamén se inclúe a creación dun organismo para a adquisición e xestión de terreos e bens costeiros con valores naturais, culturais e para a biodiversidade, así como a elaboración dun Plan Director do Patrimonio Cultural do Litoral, coa redacción por parte do Consello da Cultura Galega das directrices de protección, restauración e usos.
“Desde o BNG entendemos que, en vez de destinar estes edificios históricos de maneira prioritaria a bens turísticos privatizados, o que hai que facer é analizar cales poden ser as actuacións e usos máis convenientes en cada caso e que teña sempre prioridade o seu uso para atender necesidades sociais de equipamentos e servizos públicos”, afondou.
Por último, a portavoz nacional avogou por aprazar todos os parques eólicos mariños até que se coñeza realmente o seu impacto sobre os caladoiros e os ecosistemas do litoral galego.
En definitiva, alegou, unha axenda integral para afrontar os importantes retos que teñen o mar e a costa do País e entre os que citou a contaminación, a especulación ou a sobreexplotación. “Non podemos mirar cara outro lado, non podemos quedar na propaganda e nas medidas estéticas, temos que actuar cunha estratexia integral para poder preservar o noso litoral”, defendeu.
Neste sentido, recordou que a costa “non só é un espazo natural, un ecosistema único”, senón tamén un medio de vida para miles de familias. “É cultura, é historia, é riqueza e emprego e tamén unha parte do que somos como galegos e como galegas, por iso o compromiso do BNG é traballar para coidar do noso mar e da nosa costa para que Galiza siga sendo unha nación pesqueira”, concluíu.