Ana Pontón: "a moción de censura do PP en Ribeira é a proba de que o goberno municipal do BNG que lidera o alcalde Luís Pérez estaba facendo un bo traballo"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a moción de censura que impulsa Rueda en Ribeira é a proba de que o goberno municipal do BNG que lidera o alcalde Luís Pérez “está facendo un bo traballo”. Afirmou que é a proba tamén de que o PP está disposto a todo para frear un BNG á alza.
“Ao alcalde fáiselle unha moción de censura por facer ben o seu traballo, por ser un alcalde que abriu un tempo novo no Concello, que estaba gobernando con transparencia, con igualdade e modernizando Ribeira”, expresou.
A líder do BNG quixo salientar, en declaracións aos medios, que se trata dunha moción de censura “bochornosa, e feita de costas á cidadanía”. Unha mostra máis, engadiu, de como os populares están demostrando “a súa preocupación” porque “vemos un PP que está á baixa fronte a un BNG que sobe”.
“Claramente están dispostos a todo con tal de intentar frear esta tendencia”, denunciou,
mesmo con “mañas e artimañas que non deberían darse” e, sobre todo, con mocións de censura “escuras” que o único que teñen detrás son “intereses partidistas e persoais” e que, claramente, “van ir en contra do que o Concello de Ribeira e os seus veciños e veciñas necesitan e merecen”, advertiu.
Pontón amosouse convencida de que “dentro de dous anos a cidadanía responderá democraticamente a esta bochornosa moción de censura”.