Ana Pontón lamenta que Rueda non teña vontade de chegar a acordos a favor de Galiza nos asuntos da súa competencia

Alfonso Rueda e Ana Pontón

A reunión conclúe sen ningunha proposta do presidente á axenda de temas do BNG: atención primaria, subida de prezos, residencias e modelo eólico

“Se quería unha foto, tena pero non lle dá aos galegos e ás galegas alternativas a asuntos clave”, destacou, pese á cordialidade do encontro

Recalcou que o Bloque defende os intereses do País con independencia de quen se sente na Moncloa e insta a PP-PSOE a facer o mesmo

A portavoz nacional, Ana Pontón, saíu do encontro lamentando que o presidente da Xunta non teña vontade de pactar solucionar nos asuntos da súa competencia, despois de que a reunión rematase sen que puxera sobre a mesa ningún punto de encontro sobre a axenda de temas remitida pola líder nacionalista: sanidade, escalada de prezos, coidado das persoas maiores e modelo eólico.

“Tras noventa minutos de reunión pregúntome para que convocou o señor Rueda este encontro senón tiña intención de traer á xuntanza ningunha proposta para fraguar un acordo sobre aqueles asuntos que son da súa competencia. Non sei se o presidente da Xunta quería unha foto, ten esa foto, pero non lle da ós galegos e ás galegas alternativas ós seus problemas”, destacou Pontón finalizada a reunión.

“Vemos un PP que cada día é máis pasado ante unha cidadanía que reclama unha alternativa sólida disposta a poñer solucións e enfrontar os retos de futuro e, por iso, vin con propostas concretas e realizables que só precisan vontade política para poñelas en marcha”, destacou, explicando as prioridades que abordou co xefe do Executivo.

Alfonso Rueda e Ana Pontón

Sanidade, cun plan de choque de 200 millóns de euros para sacar atención primaria do colapso, que permita contratar persoal e ampliar a carteira de serviz, tras trece anos de recortes que fan que, a día de hoxe, primaria teña menos orzamento que en 2009. Crise de prezos: aumentar o complemento autonómico das pensións non contributivas, -as máis baixas-, mellorar a RISGA e compatibilizala co IMV, aumentar as axudas directas para gastos básicos de vivenda ás persoas con menor nivel de renda. Igualmente, baixas as peaxes e subvencións directas ós sectores produtivos con máis impacto.

Os outros dous asuntos: coidado das persoas maiores e enerxía eólica. Pontón propuxo que as sete residencias proxectadas nas cidades sexan 100% de xestión pública, para avanzar nun modelo que garanta unha vellez digna. “Non hai nada que o impida se hai vontade política”, indicou. En relación ó modelo enerxético, a proposta do BNG pasa por reconducir o boom eólico especulativo cara un sistema eólico xusto no económico, social, ambiental e respectuoso co medio rural e coa xente do rural.

Converter a ciencia e a innovación en claves para un modelo económico de futuro ou a xestión directa do transporte ferroviario de proximidade foron outros temas que a líder do BNG levou ó encontro co presidente da Xunta.

“Lamentablemente, o señor Rueda non puxo sobre a mesa nada salvo xeneralidades de cara a unha reunión que ten solicitada ao presidente do Estado”, indicou, “o BNG sempre vai defender os intereses de Galiza goberne quen goberne en  Madrid, desde máis convocatorias MIR á descentralización dos fondos Next Generation, unha cuestión, por certo, na que nos quedamos soas no Parlamento”, recalcou.

Nesa defensa de Galiza sexa quen sexa o inquilino da Moncloa, Pontón citou a aposta do Bloque por máis competencias pero con ambición, -mesmo abrindo un debate sereno sobre un novo marco institucional para avanzar en poder político-, e pide a PP-PSOE que demostren a mesma vontade mantendo en Madrid as posicións que votan no Parlamento galego, “por iso lles pido que retiren as emendas contra a transferencia da AP9 aceptando o acordo aprobado por unanimidade na Cámara”.

Para a líder do Bloque, a posición de Rueda relela “un goberno sen impulso que está ante un fin de ciclo que ten ao BNG como alternativa desde a humildade pero con ambición de país, traballando coa man tendida para mellorar a vida das persoas”, alegou, “e non se logra cun goberno encastelado que non quere avanzar no que depende das súas competencias”.

Pontón insistiu en que, en todo caso, se o presidente da Xunta defende máis competencias para Galiza, o BNG vaino apoiar. “Se solicitar máis fondos para investir ou para acabar coas taxas de reposición vai ter o apoio do BNG porque fomos os primeiros en defender estes asuntos, cando gobernaba o PP en Madrid e agora que goberna o PSOE”, alegou, destacando que a formación nacionalista xa defende unha axenda galega en Madrid desde o minuto cero co acordo de investidura.

“Pero precisamos que cando o presidente da Xunta nos convoca propoña acordos no ámbito das súa competencias, onde está a vontade de diálogo nese campo, porque acordar no que afecta exclusivamente a outras administracións é moi doado”, alegou. Pontón destacou a cordialidade do encontro, pero lamentou que non se traducira en unha vontade de acordo por parte do xefe do Executivo no que depende da súa acción de goberno.