Ana Pontón insiste na intervención para darlle futuro a ALCOA e advirte a Feixóo e Maroto: “A Mariña está farta de fotos”

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide a Xunta e Estado que deixen de botar balóns fora cando hai en xogo miles de empregos, nunha comarca que non está para “escenas de sofá”

Destaca as consecuencias na economía da dependencia foránea, que se agravarán se desaparece a única fábrica de aluminio primario

Ana Pontón insiste na intervención para darlle futuro a ALCOA e advirte a Feixóo e Maroto: “A Mariña está farta de fotos”

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con responsables económicos e sociais da Mariña, en vésperas da celebración da folga xeral convocada para reclamar futuro nunha comarca que nos últimos anos perdeu máis de mil empregos no sector industrial e leva meses en vilo pola situación de ALCOA.

A líder do BNG volve insistir na intervención pública da factoría como única solución real, e demanda da Xunta e do Goberno do Estado que dean un paso adiante porque o tempo das fotos e das “escenas de sofá” xa pasou, indicou Pontón,  en relación ao encontro que hoxe mantiveron o presidente galego e a ministra de Industria.

“Reclamamos unha acción clara para manter a produción e o emprego, por iso a única alternativa é a intervención pública, porque os traballadores e as traballadoras de ALCOA, igual que a veciñanza da Mariña, están fartas de fotos e de promesas e queren medidas concretas para que non sigan aumentando as listas do paro. Esa acción é unha intervención pública que debería terse feito fai moito tempo”, salientou.

Pontón responsabilizou a PP e PSOE da crise industrial que vive a comarca e demanda actuacións para evitar que empresas como a factoría de Cervo ou VESTAS se sumen a unha longa lista de peches. Por iso, pide que do encontro saía algo máis que unha imaxe ou, o que é peor, “un intento de desmobilización en vésperas da folga xeral, sería moi triste que ese fose o obxectivo da xuntanza”, alegou, tras trasladar todo o apoio do BNG á xornada de folga cun chamamento á participación.

Ana Pontón E máis, a portavoz nacionalista insta a ambos partidos a apoiar a emenda presentada polo Bloque aos orzamentos do Estado a favor da intervención de ALCOA.

Tamén puxo o foco no “triste” balance industrial dos doce anos de Goberno de Feixoo, onde a crise do sector non fixo máis que avanzar, tras perder 14.700 postos de traballo na industria, “sen que houbese nin unha soa empresa en crise que o Executivo do PP fose capaz de salvar, ningunha, fóronse todas a pique e non queremos que a factoría de aluminio sega o mesmo camiño”, argumentou, insistindo na intervención pública.

O Bloque defende un plan industrial integral para A Mariña pero, obviamente, o primeiro paso é evitar novos peches, sobre todo cando se trata de empresas estratéxicas, por iso, que  “Xunta e Goberno central deixen de botar balóns fora e acheguen solucións, o que non queremos e unha nova escena de sofá que acaba en nada, un novo encontro falido, urxen medidas concretas e reais”.

Pontón botou man dun novo argumento a favor da intervención poñendo o foco sobre as negativas consecuencias para os sectores produtivos e para o conxunto da economía da dependencia foránea á hora de ter acceso a materias primas.

“ALCOA é a única fábrica de produción de aluminio primario de todo o Estado, se pecha o que agora producimos na Mariña se producirá fora e teremos que importalo. Como consecuencia, ademais de empobrecernos deixaremos miles de empregos no camiño. Sería non entender unha das leccións que nos está deixando esta crise, temos que producir, defender a nosa industria porque non se pode seguir con esta dependencia do mercado asiático. Sen industria non hai futuro”, concluíu.

VESTAS é outra empresa importante que pode desaparecer, e non deixa de ser un contrasentido que en pleno bum eólico se peche unha factoría que produce elementos para parques eólicos. Por iso, o Bloque demanda que se vincule a instalación de novos parques a proxectos industriais no territorio, que permita traducir a explotación do vento en creación de emprego.

Entre as propostas para a comarca, a formación nacionalista pon sobre a mesa un plan de reactivación económica coa implicación de todas as administracións; avanzar nas infraestruturas pendentes, tanto no ámbito das comunicacións viarias, ferroviarias e portuarias,  como de solo industrial e medidas de impulso a sectores produtivos asentados como o agrogandeiro e o pesqueiro.

 

Ana Pontón insiste na intervención para darlle futuro a ALCOA e advirte a Feixóo e Maroto: “A Mariña está farta de fotos”