xerais 2023

Ana Pontón: “Imos darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid”

Presentación
Presentación

O BNG sae a por todas para formar un grupo “orgullosamente galego” no Congreso con deputadxs por A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

Subliña que o Bloque non vai fallar na defensa do País e será muro de contención ante un PP ultra de ganchete dunha extrema dereita antigalega

A  portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou que o BNG sae a por todas convencido de lograr un grupo galego forte para facer valer Galiza en Madrid.  “Basta de discriminación, basta de ser a última carta da baralla, subliñou, é o momento de Galicia, de facer valer o noso ante o Goberno do Estado, con orgullo e determinación”, asegurou no acto de arranque de campaña en Santiago xunto cos cabezas de lista Néstor Rego, pola Coruña; Lugo, Daniel Castro; Ourense, Noa Presas; e Pontevedra, Carme da Silva.

Pontón amosouse convencida de que o BNG vai facer posible “o que nos din que é imposible” e cambiar o “non polo si”. “Si a Galicia, si aos galegos e galegas, si a ter un grupo galego forte con deputados e deputadas pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para facer valer este País ante o Estado”, asegurou. Non se trata de buscar privilexios, dixo, senón de acadar un “trato xusto e digno” e con ese obxectivo, o Bloque sae a por todas, “para darlle a Galiza un grupo orgullosamente galego ante Madrid”.

A líder nacionalista destacou que o Bloque é a alternativa para todas as persoas que queren que Galiza conte pero tamén é garantía de defensa de dereitos e liberdades fronte a involución.

“Non imos permitir nin un paso atrás nos dereitos das mulleres, nin un paso atrás nunha sociedade inclusiva na que cada quen poida amar a quen queira amar e ser quen queira ser, nin imos permitir ningún paso atrás ante a censura da nosa lingua e da nosa cultura”, proclamou. O BNG é  “muro de contención contra un PP ultra, de ganchete coa extrema dereita profundamente antigalega”, afirmou.

A portavoz nacional instou a cidadanía a votar desde a esperanza e desde o orgullo de País. “Non é o momento de votar por medo nin polo mal menor, ao contrario pídolle aos galegos e ás galegas que voten con ilusión, esperanza, desde o orgullo do noso”, facendo un chamamento para que os e as galegas voten “por esa Galiza coa que soñan: orgullosa do noso, libre, feminista, inclusiva, diversa, co dereitos, con oportunidades, sen emigración”.

O BNG arranca a campaña con “toda a forza e ilusión”, apuntou Pontón desde o compostelá parque de Belvís, onde se referiu á cita do 23X como “unha gran oportunidade para que Galiza se faga valer ante o Estado e poñer fin a tanta discriminación”.

“Saímos a por todas”, recalcou na súa intervención, instando a votar “coa cabeza e o corazón” en Galiza, convencida da fortaleza do BNG para acadar representación en todas as provincias e lograr conformar un “grupo galego forte para darlle voz á maioría social deste país”.

O candidato pola Coruña Néstor Rego destacou que o BNG chega a estas eleccións co traballo feito e os compromisos cumpridos e, por iso, confía en que o 23X o Bloque pode "facer historia cun grupo galego forte que defenda unha Galiza con máis capacidade, máis próspera e con máis benestar".

Valor dobre do voto BNG

"Non houbo cuestión que afectase a este País que non se levase ao Congreso, fosen os investimentos para recuperar o déficit histórico provocado por gobernos do PP e PSOE, a urxencia de reverter a crise demográfica e industrial, a loita contra o espolio eólico e pola rexeneración das rías ou a defensa dos dereitos sociais e democráticos", apuntou Rego, que insistiu en que o voto ao Bloque vale por dous, “ xa que é a garantía de defensa de Galiza e de políticas transformadoras e sociais e ponlle freo á dereita e á ultradereita".

Nunha mensaxe dirixida especialmente á mocidade, o candidato por Lugo, Daniel Castro, apelou a implicación da xente moza para que aposten polo BNG e marquen a diferencia para defender desde Madrid unha Galiza con oportunidades para a xuventude.  “Para poder vivir e traballar dignamente na casa, para poder construír un proxecto de vida onde nacemos, onde podamos ter acceso a unha vivenda que poidamos pagar”, subliñou.

“Esa é a Galiza posible co BNG, sobre todo na provincia de Lugo, onde ademais de darlle unha voz forte en Madrid, quitámoslle un escano a ese PP ultra aliado da extrema dereita”, dixo.  

O equipo da casa

A candidata pola provincia de Pontevedra, Carmela da Silva, proclamou que “o BNG é o equipo da casa”,  o que traballará “coas mans libres” a favor do País.

“Somos a voz que defenderá a nosa economía, o noso territorio, os nosos dereitos e liberdades, que traballará para desenvolver políticas transformadoras en beneficio da maioría social e darlle a Galiza un futuro mellor”, explicou Da Silva, que tamén se referiu á do BNG como “a candidatura que non está tutelada polo centralismo porque só nos debemos aos galegos e ás galegas”.

A candidata pola provincia de Ourense, Noa Presas, subliñou os “aires de cambio” que se están a respirar de cara ao 23X e cargou contra o “bipartidismo clásico e o seu turnismo” que, asegurou, leva anos discriminando aínda con máis intensidade en Ourense. “Temos na nosa man facer historia”, destacou Presas, convencida de que un grupo forte do BNG no Congreso poderá condicionar políticas de Estado nun escenario sen maiorías absolutas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG