Ana Pontón: “Un goberno do BNG garantirá a igualdade lingüística fronte a un PP que lle rouba ás novas xeracións a liberdade de falar en galego”

Ana Pontón

Cualifica de “farsa” o publicitado plurilingüismo: a mocidade nin sabe máis galego, nin sabe máis inglés, só medra o monolingüismo en castelán

Propostas: devolverlle ao galego a condición de lingua vehicular no ensino, canle  para o público infantil e xuvenil, promoción exterior do idioma

Tras a celebración do 17M, a portavoz nacional, Ana Pontón, optou pola lingua como primeiro asunto para a sesión de control co presidente da Xunta, para denunciar que o galego é o único idioma de todo o Estado que perde falantes e que, tras trece anos de “decreto da vergoña”, estamos ante a xeración que menos galego fala.

Para ilustralo, botou man dos datos que ofrece tanto o IGE como a Real Academia Galega: a escola actúa como axente desgaleguizador, “os nenos e as nenas entran na escola falando galego e saen falando en castelán”; na etapa educativa infantil pérdese un 10% dos e das galegofalantes. Un 23,9% dos rapaces e das rapaces entre os cinco e os 14 anos non saben expresarse en galego, o 30% non sabe escribilo e o proceso de substitución do galego polo castelán comeza na infancia e consolídase na adolescencia.

Con estes datos, indicou a líder do Bloque, “quero dicir alto e claro neste Parlamento que o PP estalle negando ás novas xeracións a posibilidade de falar en galego, estalle roubando ás novas xeracións a liberdade de falar en galego coa súa política lingüicida, así de claro e así de triste”, recalcou, para a continuación subliñar que un goberno do BNG “será garantía de igualdade lingüística”.

Pontón empezou a súa intervención contrapoñendo dúas imaxes. Por un lado unha foto da manifestación que xunta a miles de persoas cada 17M en defensa do idioma de Galiza, “representa a todos ós galegos e ás galegas que senten respecto pola nosa lingua común, fálena máis,  fálena menos ou non a falen, pero que senten orgullo e amor polo noso idioma”.

Por outro lado, recalcou, mostrou unha foto do 8 de febreiro de 2009, “á indigna manifestación en contra do galego que ten en primeira fila a quen hoxe preside Galiza de rebote e desde esa foto, o Goberno do PP non deixou de actuar en contra do galego por terra, mar e aire durante trece anos”, denunciou.

Empezando polo incumprimento da lei: o Estatuto de autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o plan de normalización aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento así como a Carta Europea das linguas. Seguindo por impoñer unha lexislación “á contra” co decreto da vergoña, “que converteu o galego nunha lingua de segunda no ensino”. E para completar o “acoso” do PP ó galego, a “asfixia” sobre idioma recortando nun 55% os fondos destinados á súa promoción.

Pontón foi especialmente crítica co empeño do Goberno do PP en converter o galego “nunha lingua de segunda no ensino” e, neste sentido, denunciou que por primeira vez en democracia,  e por decisión do PP,  prohíbese o galego para ensinar matemáticas, física, química ou tecnoloxía. “Pode señor Rueda darnos algunha razón pola que o PP considera que unha nena de Chorente ou un neno de Pontevedra pode aprender matemáticas en francés, alemán, inglés ou castelán pero non en galego?”, interpelou sen que o presidente da Xunta acertase a dar ningunha explicación.

Unha prohibición plasmada no decreto da vergoña que o PP “disfraza” de plurilingüísimo, pero que en realidade “non é máis que unha farsa” porque, argumentou Pontón, “as novas xeracións non saben máis galego, nin saben máis inglés, o único que logra o PP co seu decreto da vergoña e aumentar o monolingüísmo en castelán, o único que logra é quitarlle as novas xeracións a oportunidade e a liberdade de poder falar en galego”, denunciou, porque non falar unha lingua que non se domina.

Ante a falta de medidas de Rueda, a líder nacionalista explicou algunhas das propostas que si poría en marcha un goberno do BNG para reconducir a situación de estar ante a xeración de mozos e mozas que menos falan e menos escriben en galego, a xeración que viviu os 13 anos da política lingüística do PP.

Entre as propostas, derrogar o decreto da vergoña e converter o galego na lingua vehicular no ensino de tal xeito que se garanta a igualdade lingüística, a creación dunha canle específica na TVG con contidos en galego para o público infantil e xuvenil, a modo de Clan en galego, público que está orfo de contidos audiovisuais en galego.

Creación do Instituto Rosalía de Castro, para promover a lingua e cultura propias en todo o mundo, corrixindo o feito de que é o único idioma no Estado que non conta cunha institución destas características.