Ana Pontón: “Galiza precisa máis que nunca unha forza coas mans libres que a defenda aquí, en Madrid e en Bruxelas e esa forza é o BNG”

Ana Pontón

Fixa como obxectivo seguir ampliando a base social e electoral tendendo a man a todas as persoas que queren construír “unha Galiza en grande”

Critica a Rueda que non teña unha alternativa de financiamento pola súa submisión a Madrid e que convertese as urxencias nun calvario para as galegas e os galegos

Advirte que a “vergoñenta” sentenza de Angrois inflixe máis dor ás vítimas e resulta moi perigosa porque instaura a impunidade no Estado 

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Santiago ao BNG como a única forza capaz de defender os intereses de Galiza “coas mans libres”, nun contexto marcado polo servilismo de Alfonso Rueda ao PP de Madrid, pola crispación política no Estado e, a nivel internacional, por unha Unión Europea pregada aos EEUU de Donald Trump, que actúan cunha impunidade a cada paso máis preocupante.

“Neste contexto, é máis importante que nunca que Galiza conte cunha voz que a defenda aquí, en Madrid e en Bruxelas, e esa voz é o BNG”, afirmou na súa intervención no primeiro Consello Nacional do ano, no que abordou o “complexo, convulso e delicado momento” internacional, a situación política no Estado, “onde o centralismo e a crispación seguen sendo norma”, e a posición dun goberno da Xunta que “non actúa como goberno galego, senón como delegación das directrices que lle marcan desde o Partido Popular de Madrid”.

É este o escenario, explicou, no que Galiza ten que afrontar os grandes retos de País, con cuestións clave como o financiamento, a defensa da sanidade e o conxunto dos servizos públicos ou dos sectores produtivos, o acceso á vivenda, a precariedade laboral ou custe da vida.

“Somos a única forza política que ten as mans libres para defender os intereses deste País e da súa xente; fronte á discriminación das forzas estatais, a lealdade inquebrantable do BNG, demostrando cada día que co BNG, Galiza gaña”, proclamou.

Precisamente para defender o País cada vez con máis forza, fixou como obxectivo seguir ampliando a base social e electoral, tendendo a man a aos diferentes sectores da sociedade que, como o Bloque, queren “construír unha Galiza en grande” fronte a un Goberno do PP “sen rumbo e atado de pés e mans ao centralismo e ás directrices da rúa Génova”.

A portavoz nacional exemplificou o compromiso do Bloque cos galegos e as galegas no acordo co Mercosur, un tratado que rexeita “porque é competencia desleal e porque supón unha auténtica ameaza para a supervivencia de moitas explotacións”, ao contrario que fai o Executivo de Rueda, que “abandonou aos gandeiros e gandeiras” e agora “quere tapar con bulos e propaganda a súa traizón ao sector e ao rural”.

Neste sentido, recordou que o BNG xa pedira hai un ano rexeitar este acordo nunha iniciativa parlamentaria que o PP votou en contra, o mesmo que fixo hai un mes á proposta de aumentar as restricións e medidas de control no pacto, e exactamente o mesmo que fixo esta mesma semana no Parlamento Europeo ante a iniciativa impulsada e apoiada tamén polo Bloque, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, para remitir o tratado ao Tribunal de Xustiza Europeo e paralizar así a súa aplicación.

Executiva BNG

“Tres veces, tres -subliñou-, o Partido Popular votou en contra dos gandeiros e das gandeiras”, recapitulou Pontón, quen advertiu que os seus bulos do PP xa non coan “porque a xente do rural sabe quen está ao seu lado e quen lle deu as costas”, logo de avanzar que o Bloque vai presentar unha proposta en defensa do sector agrogandeiro no Pleno da próxima semana.

Un exemplo máis de como, cando se trata de defender a Galiza, Rueda “nin está, nin se lle espera” senón que, ao contrario, “sempre que ten ocasión deixa claro que estamos ante o Goberno máis desleal da historia”. 

A líder nacionalista evidenciou así como o titular da Xunta “é incapaz de defender os intereses de Galiza” e, ademais, carece de influencia e peso político ante o Estado, tal e como demostra o feito de que non conseguiu nin un só investimento ou proxecto estratéxico e tan só unha competencia en 16 anos. “Por ter, non ten nin peso no seu propio partido, por iso, as decisións que afectan a Galiza non se toman na sede da Xunta, tómanse na sede do PP de Madrid”, afirmou para concluír que “a secuencia é moi clara: Madrid ordena, Rueda obedece e Galiza perde”.

Esta posición de submisión do presidente do Executivo tamén se pode comprobar, afondou, nun asunto clave como é o do financiamento autonómico, no que se limitou a “repetir o argumentario cutre e falso que lle mandan desde Génova”, primeiro, boicoteando a quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública lograda polo BNG no acordo de investidura.

E, despois, antepoñendo os intereses partidistas do PP por diante do País en pleno debate dun novo modelo de financiamento, recriminou, logo de recordar que mentres o BNG considerou inaceptable desde o primeiro minuto a proposta do Goberno central -xa que lonxe de reducir, aumenta a discriminación de Galiza- e avogou por darlle ao País a chave dos seus cartos a través dun concerto económico, a día de hoxe segue sen saberse cal é a posición de Rueda porque se move na “pura contradición”. 

Nesta liña, lembrou que, inicialmente, o titular da Xunta só reclamou 500 millóns de euros máis, pese a que o Consello de Contas xa cifrara en 1.500 millóns anuais o déficit de financiamento dos servizos básicos co sistema actual e, agora, “di que os 570 millóns máis recollidos na proposta do Estado son un desastre”, afeou.

“Rueda non ten alternativa porque a súa alternativa é poñer ao PP por riba de Galiza”, sintetizou, para acusalo a continuación de debilitar por riba a posición negociadora do País ante o Goberno central ao asumir o falso discurso de que Galiza é pobre e vive do Estado, cando é xusto ao contrario. “É o Estado o que fai caixa co noso País recadando máis recursos dos que logo recibimos por vía do sistema de financiamento”, subliñou. 

Por iso, o Bloque defende que as galegos e os galegos teñan a chave dos seus cartos, como xa teñen vascos e navarros, cun concerto económico que permita recadar e xestionar o 100% dos recursos para decidir desde aquí as prioridades de investimento e de gasto, facendo despois contas co Estado. “Fronte a un Partido Popular ao servizo do centralismo madrileño, o BNG ao servizo dos galegos e das galegas”, resumiu.

Defensa da sanidade pública

Un compromiso inequívoco co servizo a Galiza no que tamén incluíu a defensa da sanidade e do conxunto de servizos públicos e que tamén contrapuxo cun Executivo do PP que mantén a sanidade pública nunha situación crítica, con tempos de espera insoportables na atención primaria e urxencias hospitalarias colapsadas durante semanas.

“O Goberno de Rueda converteu as urxencias nun auténtico calvario para as persoas que están enfermas e iso é intolerable”, criticou, para advertir a continuación que “non se trata só de incompetencia”, senón tamén de “ideoloxía”, xa que “ten unha estratexia deliberada de recortar na sanidade pública para beneficiar á sanidade privada, para fagan negocio a costa da saúde dos galegos e das galegas”.

Pontón avanzou neste sentido que o BNG vai seguir tendo como prioridade a defensa da sanidade pública, tanto nas institucións como na rúa, tal e como vai facer, man a man coa cidadanía, na manifestación convocada para o próximo domingo en Santiago.

“Por moito que o Partido Popular responda con insultos e bulos, unha vez máis encheremos as rúas para dicir alto e claro que a saúde non é un negocio, que é un dereito que non imos permitir que o PP venda ao mellor postor”, advertiu. 

Prognóstico: Altri non pasará

Como tampouco, afirmou, nin o Bloque nin a cidadanía van permitir que se coloque “unha bomba ambiental no corazón do rural”, levándose por diante comarcas tan produtivas e dinámicas como as de Arzúa, A Ulloa e Terra de Melide, nin que se contamine o río Ulla e a ría de Arousa, engadiu en referencia á macrocelulosa de Altri.

A portavoz nacional cualificou “de vergoña allea” como o PP se proclama “o partido da pesca” mentres defende un proxecto contaminante que pon en risco 20.000 empregos na terra e no mar. Pese á posición do Executivo de Rueda en favor da macrocelulosa, rematou lanzando un prognóstico sobre o seu futuro: “Estou absolutamente segura de que a loita da xente, co BNG ao seu lado, vai conseguir ganarlle a batalla a Altri e ao PP”. “Porque somos máis, porque temos razón e porque nos importa Galiza, imos parar Altri”, resumiu.

Sentenza de Angrois

Pontón quixo rematar a súa intervención referíndose á “vergoñenta sentenza” coñecida onte mesmo en relación ao accidente de Angrois, da que dixo “nos avergoña” xa que, “ademais de inflinxirlle máis dor ás vítimas, que xa pasaron bastante calvario durante todos estes anos”, é unha sentenza “tremendamente preocupante e perigosa porque instaura a impunidade no Estado español”.

A líder nacionalista cualificou de “inconcibible” que despois dunha traxedia ferroviaria na que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas, “acabe exculpándose aos responsables de non ter as medidas de seguridade que eran necesarias”.

“Desde logo, é unha mensaxe terrible para as vítimas de Angrois, para as vítimas doutras traxedias ferroviarias como a que acabamos de ver en Adamuz, e, desde logo, unha mensaxe terrible para o conxunto da sociedade”, advertiu.

En todo caso, quixo lanzar unha última mensaxe para as persoas afectadas pola traxedia: “Quero desde aquí dicirlle ás vítimas que imos seguir o seu carón, que imos estar até o final con elas, para que haxa xustiza, para que haxa verdade e para que haxa reparación”, concluíu.