municipais 2023

Ana Pontón: “Galiza precisa máis BNG nos concellos”

Candidatas e candidatos do BNG con Ana Pontón
Candidatas e candidatos do BNG con Ana Pontón

Proclama que o BNG ten un modelo municipal de éxito para todos os concellos do País e augura un resultado histórico na cita electoral do 28M

Pon en valor a fortaleza dunhas candidaturas que mesturan experiencia e renovación, coas mulleres e a mocidade xogando un papel protagonista

No emblemático parque da Alameda, na capital de Galiza, o BNG puxo rumbo á campaña do 28M cunha convocatoria simbólica de candidatos e candidatas para subliñar que o modelo municipal de éxito do Bloque funciona para todos os concellos do País, sexan cidades como Santiago de Compostela, vilas intermedias como Moraña ou pequenos concellos do rural como Muras.

“Con esta representación das nosas candidaturas queremos simbolizar que o BNG ten un modelo municipal de éxito que é posible trasladar a todos e cada un dos concellos do País”, destacou Pontón, tras proclamar que “Galiza precisa máis BNG nos concellos para avanzar e para construír un País con futuro, con máis concelleiros e concelleiras, con máis alcaldes e alcaldesas”.

Un modelo municipal que é sinónimo de calidade e de prestixio, porque nas vilas e cidades que goberna, “o Bloque transforma en positivo mellorando a vida das persoas, xestiona con eficacia e con transparencia e aporta solucións de vangarda aos grandes retos que temos diante, poñemos en marcha concellos inclusivos, feministas, igualitarios e profundamente democráticos. Cando o BNG goberna os concellos son  dinámicos no económico, no social, no cultural e profundamente orgullosos da súa identidade”, destacou a portavoz nacional.

Ese modelo municipal de éxito sumado á crecente corrente de simpatía cara o BNG permítenlle a Pontón augurar un resultado histórico na cita coas urnas.

“Imos ser a forza política que máis suba o 28M e teño ese convencemento por dúas razóns. A primeira porque nos presentamos ante a cidadanía co aval do noso modelo municipal de éxito, sinónimo de prestixio, de bo facer, de calidade. A segunda, porque hai unha corrente de simpatía e de ilusión cara o BNG que non deixa de medrar, que comparten cada vez máis galegos e galegas que ven en nós a opción de futuro,  a alternativa para construír unha nova Galiza, concello a concello”, argumentou Pontón.

Tras meses percorrendo o País de arriba abaixo presentando candidaturas, Pontón percibe que hai ganas de cambio, de abrir un tempo novo e empezar a facelo desde o máis próximo. “No BNG sabemos gobernar, temos o mellor modelo municipal e temos as mellores candidaturas da nosa historia, por iso este 28 de maio saímos a gañar, saímos a por todas, sen poñernos límites, cun obxectivo claro: encher Galiza de máis BNG nos concellos”.

Porque fronte ao de sempre, “o BNG represente o entusiasmo, a vitalidade e o optimismo que tanto necesita a sociedade galega”, declarou Pontón, incidindo na ilusión en torno a alternativa do Bloque, “porque hai unha maioría que quere outra forma de facer política nos concellos para construír unha Galiza en grande”, concluíu.

Xunto á portavoz nacional, a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín; o candidato a Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo; a actual alcaldesa e candidata a Alcaldía de Moaña, Leticia Santos; o actual rexedor e candidato á Alcaldía de Muras, Manuel Requeixo; e os candidatos e candidatas que lideras as listas en Ponteceso, Fátima Rodríguez; Rianxo, Xusto Ordóñez; Friol, Ada Blanco e Poio, Marga Caldas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG