Ana Pontón: “Galiza non pode quedar discriminada ante o cambio institucional que se aveciña”
Presentou en Rianxo o documento Bases democráticas, proposta do BNG para superar o corsé da Constitución e do Estatuto
A portavoz nacional do BNG reivindica en Rianxo un “novo status político ” para Galiza nun momento no que se producirán grandes cambios a nivel de Estado.
No Auditorio Municipal de Rianxo acompañada do alcalde nacionalista, Adolfo Muíños, así como de responsables municipais e comarcais da Pobra, Ribeira e Noia, a portavoz nacional do BNG presentou as Bases Democráticas para unha nova Galiza, un documento que pretende ser un punto de partida para iniciar un debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais destinado a evitar que Galiza perda posicións. O noso país, dixo, “debe dar un paso adiante desde o recoñecemento de Galiza como nación”, e urxe facelo nun momento no que se producirán grandes cambios a nivel de Estado. “Galiza non pode quedar fora dese cambio no actual marco institucional, non pode quedar atrás nin discriminada”.
“Ter e exercer o autogoberno implicaría contar con ferramentas necesarias para mellorar as condicións de vida de todos e todas as galegas”, remarcou.
O actual Estatuto e a Constitución non permitiron que Galiza puidera desenvolver todo o noso potencial e hai problemas estruturais que seguen estando presentes e mesmo foron agudizados nestes anos de crise, explicou.
A portavoz do BNG criticou a “recentralización política” impulsada polo Partido popular e partido socialista da que dixo, resultou “unha receita letal” para o noso país, para a nosa economía, a nosa lingua e a nosa cultura. Pontón insistiu na necesidade de dar un “xiro ao poder político galego” porque de non ser así, advertiu, veremos como Galiza sae “moi mal parada” do novo escenario político que se está a abrir.