Ana Pontón: “En Galiza está o BNG, que traballa polo ben común, non hai que resignarse á corrupción do bipartidismo”

Visita SETGA Pontevedra

En 40 anos, nin unha soa persoa condenada por corrupción, alega

En vésperas do congreso do PP, ve a un “Partido Popular cada vez máis ultra que quere ir da man da extrema dereita”

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou desde Pontevedra ao BNG como a forza política solvente e sólida que en Galiza traballa polo ben común, fronte a un bipartidismo de PP e PSOE no que aflora unha corrupción sistémica.

“En Galiza o que hai é unha forza política solvente, unida e que traballa polo ben común; non temos que conformarnos con ese bipartidismo que vemos que está atravesado dunha forma moi clara pola corrupción e por unha forma de facer política que non compartimos”, afondou a preguntas dos medios en Pontevedra, onde visitou xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a empresa SETGA, especializada en iluminación exterior.

A portavoz nacional recordou que o BNG leva 40 anos en política “xestionando institucións moi importantes e xestionando recursos públicos” sen ter nin unha soa persoa condenada por corrupción. “Non é certo que todos sexamos iguais”, recalcou, para advertir que a corrupción é “un problema para a democracia”, dado que “está xerando un caldo para a antipolítica”.

Pontón reivindicou a “outra forma de facer política” que practica o Bloque fronte a ese bipartidismo atravesado pola corrupción –“non estamos neses líos nos que está a política estatal”, subliñou– e reiterou a posición moi clara da formación nacionalista neste sentido. “Tolerancia cero e que a xustiza actúe e dirima todas as responsabilidades que sexan imputables a uns feitos que nos repugnan”, incidiu a preguntas dos xornalistas sobre o caso desvelado pola UCO.

A líder nacionalista considerou urxente “actuar con contundencia” e volveu a reclamar a Pedro Sánchez “explicacións que aínda non se produciron en sede parlamentaria” e medidas. “Sobre todo, hai que tomar medidas para evitar que este tipo de circunstancias que nos repugnan e que van en contra da nosa democracia se poidan volver a repetir”, recalcou.

Neste sentido, lamentou que a resposta ofrecida até o de agora polo PSOE é “unha resposta moi superficial” e incidiu na necesidade de “ir máis ao fondo” para “loitar contra esa corrupción e contra quen corrompe”.

En vésperas do congreso do PP, e tamén a preguntas dos medios, a portavoz do BNG ve nos últimos movementos e nomeamentos dos populares a confirmación da súa deriva ultra. “O que está pasando no PP é que se confirma que estamos ante un Partido Popular cada vez máis ultra que quere ir da man da extrema dereita”, sintetizou.

Nesta liña, apuntou que, fronte a esa suposta moderación de Alberto Núñez Feijóo –“que aquí xa nos daba un pouco a risa”, ironizou–, o que están descubrindo no Estado é que se está producindo “un xiro cara a un Partido Popular cada vez máis ultra e máis próximo a unha extrema dereita que, por certo, se por algo se ten caracterizado é por ser antigalega”, remarcou.

A deriva antidemocrática do Goberno do PP tamén na sanidade

Pontón tamén se referiu a preguntas dos xornalistas á prohibición da Xunta de colocar carteis en centros de saúde, o que considerou “gravísimo” e un novo exemplo da “deriva antidemocrática” dun Goberno do PP que “non só manipular os medios públicos, senón que quere elevar ese control ideolóxico a outros espazos”.

“Vímolo hai poucas semanas co control ideolóxico nos centros de ensino e agora vemos como a censura tamén quere chegar aos centros de saúde e o que non pode ser é que o Partido Popular queira tapar os graves problemas que ten a nosa sanidade con censura”, denunciou.

Por iso, emprazou ao Executivo de Alfonso Rueda a retirar este tipo de instrucións. “Se pensan que con censura van a acabar con toda a mobilización social que hai en defensa da sanidade pública, creo que están moi equivocados”, advertiu.  

Neste sentido, instou ao Goberno do PP a abandonar as súas actitudes antidemocráticas e tomar as medidas necesarias para solucionar os problemas da sanidade pública, a comezar por dotala das e dos profesionais que precisa. “O que ten que facer o PP non é censurar voces críticas, senón tomar as decisións correctas en materia sanitaria para que non teñamos a desfeita que temos neste momento”, incidiu.

“O que deben facer non é censurar, senón darlle as condición aos profesionais da sanidade, contratar todos os recursos que sexan necesarios e acabar con 16 anos de recortes de privatizacións na sanidade pública”, concluíu.