Ana Pontón: “Foi vergoñento como o Estado se puxo do lado da banca fronte as persoas estafadas polas cláusulas solo”

  • Considera que a xustiza europea emendou a plana ao Tribunal Supremo e pide celeridade na devolución dos cartos ilegalmente percibidos

O BNG valorou a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que obriga as entidades bancarias a devolver todo o cobrado de xeito ilegal a través de cláusulas solo aplicadas a miles de persoas nas súas hipotecas en Galiza e no conxunto do Estado.

“Emenda a plana ao Tribunal Supremo ao considerar que a banca estivo cobrando ilegalmente aplicando cláusulas abusivas a milleiros de persoas que tiñan subscrita unha hipoteca”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras un acto con responsables municipais do BNG en Pontevedra.

Para a dirixente do Bloque, o Goberno central debería “repensar o papel que xogou en todo este proceso porque foi vergoñento ver como a avogacía do Estado estivo defendendo os intereses da banca e non da cidadanía que estaba a ser vítima dunha nova estafa bancaria”. Pontón considera que este novo episodio evidencia a necesidade “de ter unha lexislación máis clara no Estado español en relación coa banca para blindar aos clientes de calquera novo abuso”·.

O BNG demanda do Executivo de Rajoy e da Xunta “que se poñan traballar desde xa para que todos os cartos cobrados ilegalmente por parte da banca sexan devoltos ás persoas afectadas sen que haxa máis demoras”, indicou Pontón.